in

Memorias dun neno labrego

Terra e memoria

Memorias dun neno labrego
'Memorias dun neno labrego'. Fotos: Miramemira e Rocío Cibes.

Os sentimentos e as emocións son atemporais, nin costumistas nin posmodernas. Son en si mesmos sentimentos; a capacidade de emocionar en calquera tempo e lugar na literatura, no teatro ou mesmo no audiovisual. Xosé Neira Vilas sabíao e así o deixa entrever no seu escrito Memorias dun neno labrego, e Cándido Pazó recolleuno desde esa perspectiva na versión teatral tan acaída que fixo do texto para o CDG.

Emocionoume en varios dos cadros nos que os queridos actores e actrices interpretan os seus personaxes dun xeito maxistral, desde o punto de vista emotivo, e atravesan o concepto “costumismo” para poñernos inexplicablemente fronte aos nosos sentimentos atemporais: a memoria, a alegría, a tristura…  esa humanidade, ás veces tan desgastada nos tempos que corren.

Xulio Abonjo, que interpreta o personaxe de Balbino, é a perfecta encarnación dese neno inxustamente tratado pola vida, conversador da memoria e rebuldeiro. Aos poucos, sen saír nunca da súa perfecta inocencia, chega a adulto a un ritmo ben coidado no que a man de Pazó ten moito que ver. Repito, non é costumismo, é teatro nun estado puro e comunicador de sentimentos e emocións onde a terra ten moito que ver, a nosa terra.

Desde a butaca agradecín a perfecta sintonía que Santi Romay mantén con Xúlio Abonjo e a aperta entrañable de despedida dos seus personaxes. Emocionante! Máis dun dos que xa levamos gafas, limpámolas en sinal de disimulo.

Agradecín enormemente a enteireza e certo distanciamento do emocional na interpretación de Manuel Cortés, que me permitiu ocasionalmente acomodarme para continuar desfrutando das emocións que van proporcionando os diversos cadros da obra.

Ana Santos e Mónica García tíñano realmente complicado para representar eses arquetipos de nai e filla tan manidos e que eu sempre repudiei no costumismo galego, pero a man de Pazó sae de novo e acode para que eses personaxes sexan resoltos como ilustracións dunha viñeta perfecta de Davila que fan sorrir ao respectable.

O poderío e a bonhomía do personaxe que interpreta Federico Pérez fan crecer o espectáculo como lóstregos que acompañan a partitura, e as conversas que mantén con Balbino leváronme a unha  realidade necesaria e protectora  para sobrevivir… non sei moi ben o porqué.

A xuventude da personaxe que interpreta Iris Darriba axuda a dar credibilidade ao paso do tempo, a emoción do primeiro prendemento de amor de Balbino na súa adolescencia… Quen non pasou por aí? Darriba é a mestra perfecta, a mestra dos tempos que cambian, a mestra da liberación dos vellos e ruíns métodos escolares.

Candido Pazó, na miña opinión, arrodeouse dun moi bo equipo e o queridísimo Pablo Giráldez “O Pastor” contribuíu, coa súa estética tan recoñecible para min, a que os actores e actrices estivesen permanentemente arroupados por cada un dos obxectos que propón, facendo que a vista se contaxie dunha certa felicidade para seguir as escenas. É certo que con Pastor non podo ser imparcial pero o seu valor como escenógrafo e construtor de obxectos teatrais é impagable e xa crea tendencia.

Martina Cambeiro co vestiario conseguiu distanciarnos da estética do teatro costumista e sintoniza perfectamente coa iluminación e movementos dos actores e actrices, a quen vestiu á medida para cada ocasión.

E, finalmente, a música de Xosé Lois Romero dá a calidez necesaria para que o teatro que vimos fose escoitado con placidez e tenrura. A banda de música e a treboada dos  bombos fixeron o resto.

Alfonso Castro deixou constancia dunha iluminación agradable e sen ambigüidades para que os ollos visen á perfección a evolución dos personaxes na escena, e isto agradécese.

Non son obxectivo porque son actor e monicrequeiro e respecto moitísimo o traballo dos compañeiros e compañeiras da profesión pero si que estou moi “parcializado” polo que vin e sentín durante a representación no CDG do espectáculo Memorias dun neno labrego, dirixido con terra e memoria por Cándido Pazó.  Longa vida a esta obra necesaria e atraente para grandes e pequenas. Parabéns.

Eduardo Rodríguez Cunha, 'Tatán'
Latest posts by Eduardo Rodríguez Cunha, 'Tatán' (see all)

Memorias un neno labrego, do CDG e Contraproducións

Dirección: Cándido Pazó

Texto: Cándido Pazó, sobre o libro de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego

Iluminación: Afonso Castro

Escenografía e attrezzo: Pablo Giráldez “O Pastor”

Música orixinal: Xosé Lois Romero

Vestiario e caracterización: Martina Cambeiro

Axudantía de dirección: Belén Pichel

Asistencia de produción: Mariña Lestón

Interpretación: Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay, Ana Santos.

Produción: Centro Dramático Galego e Contraproducións

Salón Teatro do CDG. Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026.

Eduardo Rodríguez Cunha, 'Tatán'

Eduardo Rodríguez Cunha, 'Tatán'

Actor e monicrequeiro galego pioneiro, fundador da compañía Tanxarina Títeres. Recibiu, entre outros moitos recoñecementos, o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da MIT de Ribadavia en 2022 e o Premio de Honra do festival Galicreques, pola súa destacada e comprometida traxectoria nas artes escénicas galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'A serie clopen'. Foto: Miramemira

A serie clopen

Elena Santiago e Afonso Becerra co libro da erregueté de 'O silencio'.

O Cercle Artístic convoca o Premi Born de Teatro 2026