Con motivo do Día Internacional da Muller e dentro do programa Vigocultura, Cía. Campi puxo en escena a obra Matres, dirixida por Rosa Díaz. Trátase dunha peza que combina máscaras, marionetas, teatro xestual e de texto, dirixida a un público interxeracional.
O espectáculo aborda tres grandes temas: a infancia, a maternidade e a morte. Todos eles son tratados dende a naturalidade e o humor, como unha homenaxe a todas as mulleres que coidan e lideran as familias.
A proposta baséase na infancia de Jordi, un dos intérpretes, quen creceu rodeado das mulleres da súa familia. A súa vida está marcada pola enfermidade e a perda desas tres xeracións de mulleres que o arrouparon e educaron. A obra contrapón a dureza da enfermidade e a morte co vitalismo e o agarimo dun tratamento escénico cheo de tenrura.
A peza percorre as diferentes etapas da vida do protagonista, amosando como o neno vai medrando e aprendendo a enfrontarse aos cambios que transforman a súa contorna e a súa familia. Ao longo da representación, sorprende o silencio da sala, ocupada maiormente por familias con rapaces pequenos; non se sabe se pola intensidade emotiva do tema ou pola excelente posta en escena. Probablemente por ambas as dúas cousas, como o confirma a longa e calorosa ovación final.
A escenografía merece unha mención especial: os paneis móbiles e as proxeccións visuais transportan o público á súa aldea natal, Castellserà, para despois levarnos á casa familiar e ao colexio, creando con sinxeleza e eficacia os distintos espazos.
Outro dos acertos é a integración da marioneta que representa o pequeno Jordi, tan ben manipulada que realmente parece unha personaxe viva, un membro máis do elenco.
Como colofón destacaría a reflexión do verdadeiro Jordi, quen manifesta sentirse moi afortunado porque tivo “tres nais” que o coidaron e protexeron.


