in ,

Talía Teatro estreou ‘Artur Ui, o ovo da serpe’ no Rosalía

Foto: Rubén Prieto.
Foto: Rubén Prieto.

O Teatro Rosalía de Castro acolleu os días 13 e 14 de marzo a estrea absoluta de Artur Ui, o ovo da serpe, a nova produción de Talía Teatro, dirixida por Quico Cadaval a partir do texto A resistible ascensión de Artur Ui de Bertolt Brecht.

Na nota de prensa a compañía sinala: “Bertolt Brecht, o dramaturgo mais importante do século XX, dicía que no tempos escuros a misión dos artistas e falar desa escuridade. Nos peores tempos de Europa, cando o terror nazista desangraba o noso continente, Brecht escribe esta divertida obra sobre o horror fascista. Chamoulle A Resistible ascensión de Artur Ui, e nela conta o ascenso de Hitler, comparado coa toma de poder por unha banda de mafiosos.”

Unha parábola sobre o ascenso do monstro

Artur Ui, o ovo da serpe é unha parábola. E como toda parábola, fala de algo ben coñecido.

Na nota de prensa tamén sinalan: “Non hai nada de orixinal na historia: calquera persoa pode recoñecer como os autoritarismos ascenden empregando métodos propios do hampa —extorsión, chantaxe, asasinatos selectivos, matanzas arbitrarias, control da información, afogamento das voces disidentes—. Cada certo tempo, esta sorte de castigo divino parece abaterse sobre un territorio ou outro, sobre un país ou un continente. E quen vive lonxe da carnicería suspira aliviado e di: “Aínda ben que iso non pasa na porta da nosa casa”.

Mais Brecht vai máis alá da simple comparación entre fascismo e mafia. Ilumina unha cuestión incómoda: o ascenso do fascismo non é un accidente do destino nin un movemento pendular inevitable da historia. Non é unha fatalidade tráxica nin unha alternancia saudable. O monstro medra porque foi tolerado, banalizado e mesmo apoiado por forzas que poderían ter evitado o seu crecemento.

Ese é o verdadeiro asunto da obra: os honestos cómplices do fascismo.

Artur Ui, xefe dunha banda criminal, aspira ao recoñecemento público. Ofrece protección a empresarios, políticos e comerciantes abandonados polas forzas da orde. Conspiran, subornan, chantaxean e van ascendendo na escada social mentres a sociedade mira para outro lado.”

Do Chicago de Brecht ao Extremo Oriente de Talía

Brecht situou a acción lonxe de Alemaña e trasladou a sanguinolenta trama a Chicago. Non cumpría ofender aos fascistas da casa.

Talía Teatro e Quico Cadaval, nun xogo similar de desprazamento simbólico, sitúan esta versión no Extremo Oriente, construíndo unha estética que mestura elegancia e horror. A influencia da cultura oriental contemporánea —do cinema á banda deseñada, das series ao anime— achega unha capa de sofisticación e exotismo que, paradoxalmente, reforza a proximidade da historia.

“Porque o que sucede no escenario podería acontecer aquí pasado mañá, se non resistimos. Se deixamos medrar o monstro mentres aínda está no ovo.”, sinalan.

O propio Cadaval chama a atención sobre o subtítulo da peza: O ovo da serpe, evocando a idea de que o mal, cando é pequeno, aínda pode ser esmagado. A montaxe convértese así nunha sátira política vibrante, cunha posta en escena ambiciosa e un ton que combina humor, ironía e reflexión crítica.

Un espectáculo de gran formato

Talía Teatro volve apostar por unha produción de gran formato que implica a todo o equipo artístico da compañía, como xa acontecera en montaxes recentes como Unha inimiga do pobo ou Morte accidental dun anarquista.

O elenco está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo.

A escenografía e iluminación levan a sinatura de Dani Trillo; o vestiario e maquillaxe son obra de Martina Cambeiro; o espazo sonoro está a cargo de Manu Abraldes; coa colaboración de Marcos Orsi na dirección de movemento e Marcos Ptt na videoescena.

Con esta proposta, a compañía reafirma o seu compromiso cun teatro político, popular e divertido, convencida de que o teatro non pode mudar as cousas, pero a xente si.

Sobre Talía Teatro

Fundada hai máis de tres décadas, Talía Teatro é unha das compañías de referencia do panorama escénico galego. Cunha traxectoria marcada pola combinación de clásicos contemporáneos, creación propia e compromiso social, a compañía caracterízase pola estabilidade do seu elenco, pola aposta por producións ambiciosas e pola vontade de conectar con públicos diversos. O seu traballo foi recoñecido connumerosos galardóns, entre eles sete galardóns na última edición dos premios María Casares polo espectáculo Unha inimiga do pobo, consolidando un proxecto que entende o teatro como un espazo de reflexión crítica, encontro e transformación cultural.

O seu último espectáculo Un deus salvaxe está nomeado nos María Casares nas categorías de: Escenografía (Dani Trillo), Maquillaxe (Martina Cambeiro), Actriz protagonista (Marta Lado) e Versión (Artur Trillo).

Próximas datas

Despois da estrea na Coruña, Artur Ui, o ovo da serpe iniciará unha xira por distintas localidades galegas durante o mes de marzo, co seguinte calendario de funcións:

20 de marzo de 2026 – Vigo

21 de marzo de 2026 – Cee

22 de marzo de 2026 – Lugo

26 de marzo de 2026 – Santiago de Compostela

27 de marzo de 2026 – Santiago de Compostela

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Montaxe fotográfica: Irene Moreira.

Maggie O’ Farrel, Agnes, Chloe Zhao e Jessie Buckley

'A Colónia' de Marco Martins. Fotos: Centro Cultural Vila Flor.

A Colónia