in , ,

A compañía Os Náufragos Teatro presenta ‘RIAZOR OSTIA’ en Vigo

A Sala Ártika acolle tres funcións desta peza que pon en diálogo o asasinato de Pier Paolo Pasolini e o de Samuel Luiz

Santiago Cuquejo e Leonor Sangabriel en 'RIAZOR OSTIA'.
Santiago Cuquejo e Leonor Sangabriel en 'RIAZOR OSTIA'. Foto de Claudia L. Franco Fernández.

Esta fin de semana o espazo vigués Sala Ártika albergará tres funcións de RIAZOR OSTIA, da compañía Os Náufragos Teatro (que este ano 2026 celebra o seu vixésimo quinto aniversario de traxectoria), en colaboración coa Agadic. A primeira, hoxe, xoves 19; a segunda, mañá, venres 20; e a terceira, o sábado, 21 de marzo; as tres ás 20:00 horas.

O espectáculo está a xirar por diferentes teatros galegos, logo da súa estrea no Teatro Rosalía Castro da Coruña o pasado 27 de febreiro, dentro do marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e do Ciclo Principal de Primavera 2026. Dende aquela pasou xa polo Auditorio Gustavo Freire de Lugo, o 5 de marzo; e polo Auditorio de Bertamiráns, en Ames, o 13 de marzo; e despois destas tres funcións en Vigo poderá verse no Auditorio Municipal de Vimianzo, o 18 de abril.

Con texto e dirección do dramaturgo coruñés Gustavo del Río, RIAZOR OSTIA preséntase como “un poema escénico que dialoga coa memoria, o odio e a resistencia”. Cincuenta anos despois do asasinato de Pier Paolo Pasolini, a peza establece unha ponte simbólica entre o mar de Ostia e o de Riazor; “dous contextos separados polo tempo, mais unidos polo fío invisible da violencia, conéctanse a través dun mesmo berro: o de ‘maricón'”.

Cun elenco formado por Denis Gómez, Leonor Sangabriel, Santiago Cuquejo e Pablo Federico (aínda que en Vigo non estará Santiago Cuquejo, senón Nico Elsker), RIAZOR OSTIA busca afondar “na capilaridade invisible do odio ao diferente, un mal omnipresente que, agochado nas fendas máis escuras das nosas sociedades, vai medrando en silencio ata acabar por anegalas”. Colocando o público diante deste incómodo espello, a peza quere “reflexionar sobre o auxe do fascismo e doutras violencias contemporáneas, abordando cuestións como a visibilidade LGTBIQ+, a xustiza, a educación ou a política, a través dunha linguaxe escénica de forte carga poética, cinematográfica e simbólica”.

Sinopse

“Cincuenta anos despois do asasinato de Pier Paolo Pasolini, a súa voz e o seu corpo seguen a interpelarnos, amosándonos feridas aínda abertas. Da súa man, a peza afonda no auxe do fascismo, da violencia e do odio, realidades atravesadas polas loitas e tensións que xorden arredor de temáticas sociais como a visibilidade LGTBIQ+, a xustiza, a educación, a relixión ou a política. Un asasinato baixo o berro de ‘maricón’ conecta o mar de Ostia co de Riazor, transformando o silencio en reflexión, a cólera en esperanza e a memoria en futuro.

Riazor Ostia pon en diálogo dous crimes de odio separados por case cincuenta anos e por centos de quilómetros: o asasinato de Pier Paolo Pasolini nun descampado próximo á praia de Ostia en 1975 e o de Samuel Luiz, golpeado ata a morte nas inmediacións da praia de Riazor na Coruña en 2021. Sobre o escenario, catro intérpretes habitan un espazo que se converte nun santuario de despedida e encontro, onde o mar é testemuña muda e as praias son metáforas de fronteira, resistencia e homenaxe ás disidencias. A dramaturxia, non lineal, combina relato documental, teatro físico e elementos de autoficción para transitar entre monólogos íntimos e escenas corais nas que se mesturan as voces das vítimas e as dos corpos da opresión. Riazor Ostia propón unha investigación escénica sobre como se constrúe o odio, que papel xogan os discursos hexemónicos e como podemos transformar o silencio en memoria activa e loita colectiva, convidando o público a asumir o seu lugar na responsabilidade compartida fronte á lgtbifobia e á violencia estrutural”.

Ficha artística

Elenco: Denis Gómez, Leonor Sangabriel, Santiago Cuquejo e Pablo Federico.

Autoría e dirección: Gustavo del Río

Escenografía e imaxe: Claudia L. Franco

Deseño de son: Os Náufragos teatro

Deseño de iluminación: Gaspar Baluja

Vestiario: Diego Valeiras

Música: Os Naúfragos teatro

Coreografía: Raquel Santalla

Asistencia dramatúrxica: Denis Gómez, Santiago Cuquejo

Ensaios: O Galgo Azul

Coordinación: Rebeca Vecino e Anxo Fernández

Xestión e produción: Antonio Vázquez

Producen: Os Náufragos Teatro e a Agadic.

Co apoio do Concello da Coruña e o Teatro Rosalía Castro da Coruña.

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas os contos das cereixas

O Festival Atlántica, Sete Falares e NOGA celebran o Día Internacional da Narración Oral