O Centro Dramático Galego vén de ampliar a experiencia de exhibición do seu novo espectáculo, Hamlet, cunha programación paralela arredor do universo creativo de William Shakespeare. Por unha parte, incorporou ao seu calendario tres pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III (un o pasado 25 de marzo; outro hoxe, 1 de abril, e un máis o vindeiro 8 de abril, que tiñan o horario de inicio previsto para as 20.30 horas, pero este vén de ser modificado para as 21:00 horas nas funcións de hoxe e do 8 de abril) e, por outra, unha nova entrega das ImproVersións a través da proposta A propósito de William, está a levar a cabo o colectivo Improversados os domingos 29 de marzo e 5, 12, 19 e 26 de abril, ás 20:30 horas. O desenvolvemento desta programación expandida completouse cunha acción especial na véspera do Día Mundial do Teatro, que reuniu o pasado xoves 26 de marzo preto de 73 estudantes de secundaria e ensinanzas escénicas.
Con estas iniciativas, a compañía de teatro da Xunta de Galicia quere “reforzar o diálogo escénico arredor do universo shakespeariano aberto por Hamlet”, a versión galega da obra mestra da literatura dramática dirixida por Tito Asorey e adaptada por Vanesa Sotelo e o propio director, que permanece en cartel no Salón Teatro desde o 19 de marzo ata o 3 de maio con funcións de mércores a domingo ás 18.00 horas.
Un Ricardo III que rebate a Shakespeare
Mala vida e pior morte de Ricardo III é un espectáculo unipersoal protagonizado por Evaristo Calvo, coprodución do Centro Dramático Galego con P.T. Excéntricas, no que o defunto rei de Inglaterra se dirixe directamente ao público para rebater a visión que William Shakespeare deixou trazada sobre os últimos anos da súa vida no drama A vida e a morte do rei Ricardo III.
A peza, fraguada o pasado ano no marco do programa Clásicas Desfesitas xunto á Cidade da Cultura de Galicia, propón unha lectura revisionista deste monarca da Inglaterra do século XV “tentando situalo no contexto da ciencia histórica, así como poñer en valor a súa dimensión humana a través do humor”. Neste exercicio teatral, personaxe e intérprete “expoñen as súas contradicións nun xogo deliberadamente esquizoide que ofrece unha nova aproximación á materia shakespeariana e que contribúe a expandir e complementar a experiencia de visionado de Hamlet”, segundo destaca o CDG.
Apoio á improvisación teatral
A nova proposta do programa ImproVersións, integrado nas actividades paralelas do Centro Dramático Galego, está interpretada por Víctor Castro, Antía Vidal, Diego Salgado e Pedro Placer. A propósito de William parte dunha premisa singular: “Sobrevivir a unha matanza é duro, pero moito máis se despois toca contala”. Así, os cómicos de Hamlet e o pobre Horacio abandonan Elsinor co trauma no corpo e coa necesidade de atopar un novo traballo facendo o que mellor saben: encarnar historias tal e como as tería escrito o seu finado dramaturgo, un tal William, que quedou na corte co resto dos cadáveres”. A partir de aí, o espectáculo constrúe historias improvisadas no estilo de Shakespeare e coa característica esencia musical de Improversados.
As entradas para os pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III e A propósito de William son independentes das de Hamlet e xa están dispoñibles a través da plataforma en liña Ataquilla. Tamén poden adquirirse no Salón Teatro nos días de función.


