Paisajes escénicos é un amplo e documentado estudo que rescata as Artes de Rúa dun prolongado silencio académico no Estado español. Describe unha realidade que abrangue cinco décadas de teatro de rúa, de propostas artísticas –realizadas fóra dos escenarios tradicionais– que podemos atoparnos calquera día en calquera vila ou cidade.
Organizado en cinco grandes capítulos, os tres primeiros (Entremeses, Los cimientos, El nacimiento) contan, desde unha análise histórica, social e política, como e por que nace e emerxe o teatro de rúa en España e cales son os seus antecedentes a nivel mundial. La época dorada sitúanos na década dos 90 e mostra a eclosión xeral da cultura, da arte e en particular do teatro de rúa en España. O último capítulo, De la crisis a la pandemia, analiza polo miúdo o impacto que tivo e segue tendo a crise de 2008 na sociedade e, por tanto, nas artes de rúa. O libro conclúe expoñendo a desacougante e devastadora situación para as artes de rúa provocada pola pandemia global do COVID-19.
Ademais do valor documental, histórico e pedagóxico da publicación, compre subliñar o seu interese sociolóxico e político, pois é un manifesto a favor dos espazos públicos e da cultura nos espazos públicos, algo absolutamente irrenunciábel nunha sociedade democrática avanzada social e culturalmente.
Manuel Vilanova, o autor, dedicoulle a maior parte da súa vida ao teatro de rúa fundando en 1983 a Compañía Xarxa Teatre, de recoñecido prestixio internacional. E, ademais de impulsor, creador de encontros, obradoiros, cursos e festivais de artes de rúa, é editor de diferentes publicacións entre as que se encontra Fiestacultura, revista trimestral especializada en teatro de rúa e festa. Esta revista, e o volume Hamlet, Tartuf, Don Juan, Marguerite Gautier: Centre Dramàtic Vila- Real 2012-2015, poden consultarse no FTMC.