A investigación de Mário Moutinho e de Luísa Marinho recolle as prácticas teatrais na cidade de Porto nos anos seguintes á Revolución dos Caraveis de 1974 dedicándolle un breve capítulo á situación anterior á Revolución.
Un período de pouco máis de dez anos da vida teatral portuense que, caracterizado polo activismo político cultural e o ensaio de novas estéticas, salvouse do esquecemento e da invisibilidade grazas á iniciativa desta investigación. Partindo de entrevistas cos protagonistas do movemento e da consulta dos seus documentos, os autores dan a coñecer o que foi esa explosión creativa de persoas e grupos de diferentes orixes e formacións.
Aínda que as propostas escénicas das Compañías foron moi diferentes é posible afirmar que tiveron entre elas unha serie de aspectos comúns entre os que cabe sinalar: a súa ligazón coa comunidade, a súa preocupación pola formación e a elaboración de textos propios e creacións colectivas.
O libro recolle a traxectoria dos seguintes grupos semiprofissionais: Faúlha,Teatro 5, Teatro Ensaio de Gaia (TEG), Teatro Amador de Intervençao (TAI), O Realejo, Teatro d´Agua Acesa, Roda Viva, Banzé, Art´Imagem e Caixa de Pandora.
Acompañando as súas páxinas pódense ler dúas colaboracións, unha de Roberto Merino: Tempo memoria e outra de Jorge Louraço Figueira titulada: A sombra da liberdade.
Polo demais o libro está moi ben ilustrado con carteis, deseños, fotos de actuacións, e programas de man de diferentes grupos e espectáculos.
En canto aos seus autores Mário Moutino (1946) actor, produtor e programador é un nome fundamental da historia do teatro portugués. Foi Director Artístico do Festival Internacional de Teatro de Expressâo Ibérica (FITEI) e un dos fundadores do Teatro de Marionetas do Porto. Tamén traballou en cine e en diferentes series de televisión.
Luísa Marinho (1978) é Xornalista. Escribiu para a publicación Dúas Colunas editada polo Teatro Nacional S. Joâo, colaborou con o Museu de Serralves e tamén fixo produción de contidos para o FITEI.