in

Rosalía Fernández Rial: “O único que nos pode salvar da barbarie é a axuda mutua, compartir uns valores e establecer uns límites que nos protexan”

Vén de gañar a VII edición do Premio Roberto Vidal Bolaño con ‘Fóra de campo’ e conversa con Raquel Castro arredor da peza

rosalia 1 1 scaled |
Rosalía Fernández Rial, gañadora da VII edición do Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais.

O xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e Editorial Galaxia, composto por José Luís Baños de Cos, dramaturgo; Ana San Fernando, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeira do Louro; e Raquel Castro, escritora e profesora, como secretaria do xurado, con voz e sen voto; escolleu o pasado 16 de maio a obra Fóra de campo como gañadora da VII edición do certame Unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría da escritora e performer Rosalía Fernández Rial.

O xurado destacou da peza “a súa temática acaída ao premio porque trata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade”, e salientou tamén a inclusión nela de “valores como a sororidade e a detección precoz do acoso; todo isto transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida”.

O IES Ribeira do Louro do Porriño acollerá este venres, 24 de maio, ás 19:00 horas a gala de entrega do premio deste certame que naceu “pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato e para honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño, que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego”.

Uns días despois da resolución do premio, a dramaturga e docente Raquel Castro, que formou parte do mesmo como secretaria, con voz e sen voto, conversou para a erregueté con Rosalía Fernández Rial arredor de Fóra de campo.

RAQUEL: En primeiro lugar, Rosalía, parabéns de novo por este premio. Dime, que foi o que te levou a presentar a peza a concurso?

ROSALÍA: Moitas grazas! Fíxome moitísima ilusión obtelo, a verdade. Sempre fun moi sensible á necesidade de pezas teatrais dirixidas a adolescentes e nunca deixei de crealas para contextos escolares. Traballo con persoas desta franxa de idade e realicei a Tese sobre o uso da expresión dramática como ferramenta pedagóxica nas aulas de lingua. Por iso, ao ler a convocatoria e corroborar a filosofía do certame, parecíame que a última obra que escribira encaixaba co propósito presente nas bases.

Fóra de campo recolle moitos temas que poden afectarlle á nosa mocidade, como o perigo das redes sociais, do que se comparte nelas… Ti cres que a nosa rapazada non é consciente do perigoso que é deixarse levar polas “redes”?

Penso que resulta moi difícil ser consciente da dimensión que poden acadar as redes e en certas etapas da vida iso complícase aínda máis. Ben é certo que cada vez existe máis conciencia e información sobre o tema pero non resulta menos verdadeiro que certas redes teñen cada vez máis forza e presenza na vida das mozas e mozos.

P: O protagonista masculino é un “influencer” que vai enredando a toda a que se lle achega. Por que cres que é tan importante amosarnos constantemente, vivir cara os demais, para deixar de ser nós mesmas?

Por natureza somos seres sociais e as posibilidades de conexións con outras persoas que nos abren as redes eran impensables hai uns anos. O problema reside, precisamente, na imaxe que proxectamos ao amosarnos nas redes e o perigoso que pode resultar perder os espazos de intimidade, a autenticidade e a construción de vínculos verdadeiros e sans dentro dese contexto. Se descoidamos iso, efectivamente, deixamos de ser nós mesmas e é aí onde nacen “os monstros”.

Traballas con alumnado da idade á que vai dirixida o Premio, isto serviuche para observar as súas inquedanzas, medos e valores?

Por suposto. Observar ao alumnado, a escoita e a conversa constante con elas e eles resulta absolutamente imprescindible tanto para comprender as súas inquedanzas, medos e valores como para asimilar a linguaxe que empregan e, sobre todo, para comprender o seu mundo e a súa realidade.


Publicidade

Falando de valores, hai un que destaca en Fóra de campo, a sororidade que se amosa entre as protagonistas. Poderemos algún día deixar de protexernos unhas ás outras?

Xamais. O único que nos pode salvar da barbarie é, precisamente, o coidado desa rede, a axuda mutua, compartir uns valores e establecer uns límites que nos protexan. Se queremos ter unha vida digna non queda outra que remar conxuntamente e garantir unha sororidade tan real como utópica, que manteña os nosos dereitos e nos permita avanzar, coa perspectiva no presente mais tamén na vangarda.

Fálase da “detección precoz do acoso”, non deixar que pase, actuar en canto se vén vir. Por que non facemos isto sempre?  Somos demasiado confiadas quizais?

De primeiras, o acoso non é doado de identificar. Hai quen sabe “enredar” moi ben, como o antagonista da peza que estamos a comentar. Resulta imprescindible dispoñer de ferramentas, recursos e colaboración externa, afectiva mais tamén profesional, que nos axuden a saber cando nos atopamos ante unha situación de maltrato. Ás veces incluso sabendo a teoría, ata que alguén non o vive de preto, en primeira persoa ou a través de relacións próximas, pode sentirse confusa e dubidar. Por iso é tan necesaria a sororidade.

Non quero descubrir a peza antes de que se publique, pero dime: a rede da volea convértese na rede de Aracne e as xogadoras en fiandeiras para lanzar o cancelo #quenonteenreden. Temos que seguir atentas, hai arañeiras agochadas que nos poden enredar?

Por suposto. Ás veces resultan difíciles de identificar, sobre todo para as persoas que somos máis utópicas ou confiadas. É tan necesario manter vínculos seguros e crer neles como estar atenta a relacións con persoas que nos poden acabar enredando case sen que nos decatemos. Non se trata de permanecer nunha alerta constante excesiva nin de poñer a proba a ninguén pero si é necesario coñecer certa información sobre os patróns de comportamentos de quen pode acabar maltratándonos a nós ou a alguén próximo.

E, xa por último, como profesora que es, por que consideras que hai tanta novela para público adolescente e tan pouco teatro? Non hai necesidade de formar lectores/as no xénero dramático antes de achegalos aos grandes clásicos ou seguimos pensando que o xénero dramático só é para levar a escena e non  para ler?

A novela segue a ser o xénero máis lido nos centros de ensino. Aínda que se produciron tímidos avances nos últimos anos, o teatro e a poesía teñen moito menos presenza por exemplo nos clubs de lectura escolares. En boa medida penso que é unha inercia da comunidade educativa derivada, en parte, dos gustos da sociedade en xeral e dos prexuízos que implica ese desequilibrio no marco dunha educación literaria que nunca foi tan imprescindible.

Por suposto que a lectura do xénero dramático ten sentido por si soa. Evidentemente, cómpre ter presente durante esa lectura que as obras están concibidas, en xeral, para levarse a escena pero o noso maxín posúe o evidente poder de recrear os personaxes, as accións e as escenas. De feito, o ideal é ler as pezas no tempo en que serían representadas.Sentar e ler a obra completa.

Por último, e para rematar tamén cunha mensaxe positiva e de ánimo, cómpre darlle a volta ao estado da cuestión primeiro e percibir a escola como ese espazo do cambio potencial, como o lugar desde o cal se pode aínda frear e ou transformar calquera tendencia: a de ler moitas pezas dramáticas, a de interpretar algunhas e, por suposto, a de suprimir as relacións de acoso e maltrato. Moitas grazas!

Raquel Castro

Raquel Castro

(Alxén, Salvaterra de Miño) Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. É presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación. Ademais, imparte talleres de teatro no instituto onde traballa, para o alumnado de secundaria, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino.
Algunhas das obras que estes nenos e nenas do Grupo de Teatro Ata Sempre levaron a escena recibiron algún premio, por exemplo, 'As terapias da doutora Ledicia' tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas e foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma Gala, pero no ano 2019, foi finalista 'A formiga fóra do carreiro', obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias.
Acaba de publicar 'Dormente', unha peza para a mocidade, coa Editorial Galaxia. Dende hai tres anos coordina, dende o IES Ribeira do Louro, o Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Unha inimiga do pobo' Talía Teatro reducida

Vanesa Sotelo e Tito Asorey son finalistas aos Premios Max 2024

ensaio lecturas

Valladolid 2024: Presente, pasado e futuro da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador