in , ,

Crónica de Mariñán II

Desenvolvemento e conclusións da segunda edición das Xornadas da Academia Galega de Teatro

Participantes nas Segundas Xornadas da Academia Galega de Teatro en Mariñán
Participantes nas Segundas Xornadas da Academia Galega de Teatro en Mariñán. Foto da AGT.

Co lema “O deseño das programacións teatrais galegas: Na procura dun modelo cooperativo”, desenvolvéronse esta pasada fin de semana as II Xornadas da Academia Galega de Teatro no Pazo de Mariñán en colaboración coa deputación da Coruña e co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic. A inauguración correu a cargo da presidenta da Academia, Imma Antonio Souto, conxuntamente con Natividade González, deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da Agadic da Xunta de Galicia, e Carlos Lorenzo, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

O acto inaugural deu paso á presentación da proposición lexislativa que o Grupo parlamentar do BNG está a desenvolver no parlamento froito dunha serie de consultas levadas a cabo durante os últimos anos con diversos sectores do tecido cultural galego. A presentación do proxecto de Lei Galega de Dereitos Culturais correu a cargo de Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor da ESAD de Galicia, dramaturgo e membro da AGT, quen abordou o tema de forma exemplar cunha exposición dos antecedentes xa existentes como: a Ley del Sistema Público de Cultura de Canarias de 2023 ou a Ley Foral de Derechos Culturales de Navarra en vigor desde xaneiro de 2019. Entre os obxectivos deste proxecto de Lei, está a revisión de paradigmas porque a cultura é un dereito e para iso fixo referencia á publicación colectiva “A cultura é un dereito” coordinada por Alberto de Boiro con varias autoras e autores entre os que se encontra o propio Roberto; quen debullou polo miúdo o proxecto de Lei e os seus obxectivos entre os que se atopa o de establecer o réxime xurídico e institucional do sistema público cultural de Galicia, como instrumento adecuado para definir o marco estratéxico das políticas públicas culturais e articular o conxunto de facultades e obrigas legais ás que deberán someterse os poderes públicos nas súas actuacións en materia cultural. Comentou que é moi necesario para artellar o Sistema Público Cultural de Galicia tendo como finalidade esencial garantir un marco institucional de recoñecemento, protección, promoción, acceso, libre participación e exercicio efectivo dos dereitos culturais da sociedade galega en xeral e de todos os cidadáns e cidadás, en particular; mediante o artellamento dun conxunto de facultades e obrigas legais esixíbeis ás Administracións públicas, organismos e entes do sector público.

Logo dun xantar en irmandade, realizáronse dous faladoiros moderados por Xavier Castiñeira e Carlos Lorenzo; no primeiro “O deseño das programacións teatrais galegas. Modelos de compañías de Artes escénicas” participaron expoñendo as súas realidades: Nuria Sotelo da compañía e distribuidora Furia Sotelo, Pablo Reboleiro de Pista Catro, Javier Castiñeira de Amorodio Teatro, Santiago Cortegoso de Ibuprofeno Teatro, Patricia de Lorenzo de Chévere, Laura Sarasola de Caramuxo Teatro, e tamén Escena Galega representada por Patricia de Lorenzo e Santiago Cortegoso.

O segundo faladoiro, tamén moderado por Xavier Castiñeira e Carlos Lorenzo, puxo o foco no “Deseño das programacións teatrais galegas. Modelos de espazos de programación”; nel participaron para expoñer as diferentes realidades: Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía de Castro d’A Coruña; María José Vázquez, Técnica de Cultura do Concello de Ames; Carlos Varela, Técnico de Cultura do Concello de Vilagarcía; Neves Lema, Técnica de Cultura do Concello de Vimianzo; Marcos Martínez, Coordinador de actividades xuvenís do Concello de Sada;


Publicidade

Daniel Loza, Técnico de Cultura do Concello de Betanzos e Madó Santos, Ex-técnica de Cultura do Concello de Muros.

Tras unha breve pausa se retomaron as cuestións expostas en ambos faladoiros para abrir o debate ao publico asistente as xornadas o que enriqueceu os temas tratados e que se debateron na xornada seguinte coas seguintes conclusións:

  • Considerouse de grande interese o proxecto de Lei Galega de Dereitos Culturais no que está a traballar o grupo parlamentar do BNG e no que deberían participar o resto de grupos do Parlamento.
  • A falta de políticas culturais no eido teatral afecta igualmente a xestores culturais e a compañías.
  • A política de subvencións actuais afecta negativamente a compañías e xestores culturais que realizan programacións, polo que cómpre unha revisión deste modelo.
  • O desequilibrio actual entre a oferta e a demanda fomenta a precariedade e non a sostibilidade.
  • A excesiva burocratización do sistema afecta aos tempos, procesos creativos e de xestión de forma negativa.
  • A desatención, desidia e falta de control da RGTA e a súa incapacidade de asumir os cambios, delata unha xestión deficiente.
  • O modelo actual da RGTA, como única canle de distribución en Galicia, obriga a unha dependencia absoluta a compañías e concellos.
  • Precísase unha reformulación do sistema actual que teña en conta a diversidade de creación, formatos, espazos e programación; para garantir a sustentabilidade, contribuír á democratización e compensar os desequilibrios da RGTA.
  • Vese necesaria a creación dun centro público de recursos escénicos.
  • É necesario explorar modelos de tempadas teatrais que contribúan ao desenvolvemento de audiencias.
  • Tanto as compañías como os circuítos atopan carencias técnicas e de persoal cualificado.
  • Os xestores culturais que realizan traballos de programación son parte fundamental do sistema teatral, polo que é imprescindible unha relación colaborativa entre estes e as compañías creando espazos de diálogo e de empatía para a definición e construción do sistema teatral galego.
  • No eido da xestión cultural é necesario incorporar perfís técnicos con formación e funcións definidas nas RPTs de todas as administracións públicas.

Finalmente a Academia Galega de Teatro propón a Escena Galega e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, que creen unha comisión, convidando a Agadic a formar parte dela, coa finalidade de pactar un plan de reformulación dun novo modelo de rede de exhibición de artes escénicas que responda ás necesidades e realidades do territorio (a curto, medio e longo prazo), establecendo os obxectivos e orzamentos axeitados.

Francisco Oti Ríos

Francisco Oti Ríos

Cabanas, A Coruña, 1954. É titulado superior en Dirección de Escena e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Entre os textos da súa autoría están: 'Teatro Estudio de Ferrol' (Invasoras 2024); 'Alicerces teatrais en Galiza; unha achega de fontes, fundamentos e feitos (1952-1975)' (Invasoras, 2022); 'Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego', (co-editor) (CCG-AGT, 2022); «De congresos, encontros e outras primeiras historias» (Erregueté, 2020); «A Mostra de Teatro Infantil Galego “Xeración Nós”» (Ferrol Análisis, 2020); 'O Novo Teatro Galego en Perlío: O Teatro Círculo e Tagallo' (Invasoras, 2018); «Dramaturxia de Ferrol. O Grupo Autónomo de Lectura de Obras (GALO)» (Madrygal, 2018); «Teatro do Noroeste. Historia cíclica dunha compañía» (Teatro do Noroeste 2017); «Teatro, carteis e cómic na Galicia dos anos setenta» (Madrygal, 2016); Xestión de proxectos e produción de espectáculos (Galaxia, 2006); 'Técnicas de Teatro' (co-autor) (1997); 'Teatro, o xogo de sempre' (dir. e co-autor) (Xunta de Galicia, 1987); ou os textos teatrais 'Archivos de realidad (Tradución) / Arquivos de Realidade' (Invasoras, 2021) con Julio Fernández; «Unha cuestión familiar» (Dramaturga-Invasoras, 2020); 'Arquivos de Realidade' (Erregueté, 2018) con Julio Fernández; 'Lingua de lata' (Edita T/Invasoras, 2014 [2018]) con Julio Fernández; «Una cuestión familiar» (Q-book, 2017); e «Segundo Ricardo Terceiro» (Revista Núa, 2013).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tres vellas na romaría

O Sete Falares celebra a súa 12ª edición

O golfiño Manoliño

Confi. O golfiño Manoliño