O soño e o instinto
| Manuel Xestoso |
A matanza é a morte que asexa permanentemente os nosos pasos, a estrita vixilancia a que nos somete a última hora. Ata nova orde da ciencia, a conciencia de que ha chegar ese momento é exclusivamente humana e, xa que logo, tamén o é a nosa natureza proxectiva, a que nos obriga a loitar contra o tempo. Na obra de Roberto Salgueiro, non se fala tanto da matanza como dos distintas formas que escollemos para pasar ese tempo que se nos concede ata que aparece o matachín.
Os protagonistas de Matanza son dous porcos a piques de ser sacrificados que representan dúas actitudes ante a inexorabilidade dese instante final. Un deles, estudante de música, aspira a transcender a partir da arte. O outro, aparentemente máis pragmático, admite a inmanencia da súa natureza animal e transfórmaa en bandeira. O diálogo entre eles vai deixando albiscar que esa dicotomía entre as súas personalidades non é, en realidade, tan radical, e que auténtica aceptación da morte –e daquela, da vida– só se produce cando recoñecemos a dualidade da nosa condición: a soño excelso e o baixo instinto conviven en nós e a tarefa consiste en saber modular ambas pulsións.
Hai un comentario sobre a identidade, sobre o ser e o parecer, que ten consecuencias sociais: “Todos temos unha dose de mediocridade. O que mellor a esconde é o que chega máis lonxe”. Un dos personaxes, talvez ofuscado polo seu propio baleiro vital, ofrece esta pouco gratificante visión das relacións interpersoais. Mais iso convértese nun xuízo sobre unha sociedade que valora máis o engano (por non dicir o autoengano) que a franqueza; que prefire o prestixio da fachada exterior á solidez e coherencia da arquitectura interior.
A metáfora do porco non é nova, pero Salgueiro enfatiza o que de totémico ten este animal na nosa sociedade: unha imaxe protectora ou –como nos explicou o doutor Freud– unha encarnación do pai. Que os dous cochos sexan irmáns engade un subtexto que nos interroga sobre ata que punto a autoridade é responsable de que as nosas vidas non se desenvolvan plenamente. Sobre ata que punto a posibilidade de desembarazarse da súa xurisdición pode abrir as portas desa unión entre o goce da experiencia inmediata e a aspiración á porción de eternidade á que aspiramos. En definitiva, propón unha visión do cambio –da revolución– que vaia máis alá da simple satisfacción das necesidades básicas.
Triatreros encara a montaxe cun simbolismo escénico que non traizoa o humor e a humildade da obra. As grandes cuestións son tratadas como broma incruenta, pero a ameaza está presente e o xogo pode converterse en traxedia en canto o espectador se decate da seriedade do que se está a contar. Os actores son novos e neles aínda pesan os tics e os trucos da escola: nese sentido, aínda dependen moito do texto, aínda están demasiado pendentes de dicilo. Pero a sinceridade que demostran logra que a función non perda o pulso e que o interese se manteña intacto.
O público recoñécese na obra –non é doado ignorar a dialéctica que se lle pon ante os ollos– e toma partido co seu aplauso. Malia que sexa difícil recoñecerse coma porco.
Matanza de Roberto Salgueiro
Compañía: Triatreros
Dirección e dramturxia: Beatriz Campos.
Elenco: Omar Ferrín, Tone Martínez e Celia González.
Escenografía, son e iluminación: Laura Iturralde.
Grafismo e espazo sonoro: Sr. Sagüillo
Auditorio Municipal de Vigo. 10 de outubro, 2014.