in

Harket [Protocolo]

harket espacio 0 |

Quen somos os outros?

| Camilo Franco |

Harket. Espacio 0

 

Dicir que é un paradoxo é non explicalo de todo. É unha contradición. Ou simplemente é que non aprendemos, que ignoramos realmente quen somos e a seducción que exercen sobre nós os abalorios. Ou é estupidez. Andamos a isto: a cousificar as persoas, a humanizar as máquinas. Unha obsesión suicida.

Non estou seguro de Harket entre a fondo nese proceso no que parece que é máis cómodo tratar coas máquinas que co resto da humanidade ou nese aínda fantasioso no que un software aprenda reaccións emocionais. A obra de Panicmap abre esa porta, en certo sentido clásica para o mundo da ficción, e tenta entrar no territorio por ese mesmo corredor da tecnoloxía aplicada, de deitar sobre o escenario algunhas posibilidades de intereacción entre a interpretación humana e, por chamarlle así, a narrativa maquinal. A compañía non abandona o espazo humano do teatro e o centro da montaxe é máis unha combinación de danza e texto que unha combinación de tecnoloxía e interpretación. A obra queda deste lado porque a súa decisión é máis situar ao espectador fronte a un dilema que fronte a un desplegue de recursos. De feito, Harket é bastante comedida no uso das imaxes sobre o escenario como se en realidade non quixera distraer aos espectadores do argumental que hai na obra: desa circunstancia de aillamento cun só nexo de unión co exterior, un nexo que é unha máquina. Pode ser entendida como unha situación cotián levada ao extremo.

A montaxe deixa o centro na interpretación, utiliza con coidado os recursos que en certo sentido motivan a peza e desenvolve a historia nunha combinación na que danza e texto está combinadas sen capricho, respondendo ao argumento, pero na que parece estar máis cómoda na interpretación física que na textual. As coreografías definen mellor ao personaxe que o que ese mesmo personaxe di. Hai unha interpretación máis firme e máis resolutiva das coreografías que dos diálogos, aínda que a montaxe tenta equilibrar o protagonismo dunhas e doutros, pero a progresión e os cambios van quedando máis claros desde a danza e non tanto porque os números sexan especialmente sofisticados como que cumpren mellor co cometido narrativo na historia.

Faltaría por resolver quen é outros. Aquí, na obra, é unha máquina que parece evolucionar segundo avanza a obra, aínda que a montaxe non deixe claro se é evolución prevista ou é simplemente emulación. No resto da ficción, na que circula polo mundo entre tarxetas negras, virus maltratados, frases sobre galegos, estafas, menosprezos e todo o que caracteriza a historia da humanidade como especie, falta por resolver quen somos os outros e se, ao cabo, non é máis saudable tratar directamente con máquina que esperar que algún día sexamos razoables.


Publicidade

 

Harket [Protocolo]
Compañía: Panicmap
Dirección/Dramaturxia: Juan Pablo Mendiola
Elenco: Cristina Fernández
Imagen/Espacio: Assad Kassab
Audiovisuais: Beatriz Herráiz/Adolfo Muñoz
video-mapping: Manuel Conde

Festival Internacional Outono de Teatro. Carballo. Domingo, 19 de outubro.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

artesacia |

Uvas de collón de ghalo

oestadosalvaxe |

O estado salvaxe. Espanha 1939