in

Titiricircus

titiricircus |

Os tamaños que importan

| Roi Vidal Ponte |

Titiricircus-Tanxarina

 

Nunca acabaremos de entender moi ben por que amamos tanto os monicreques. Se son instintos atávicos que nos conectan con tempos de ídolos sagrados, ou razóns máis prácticas e psicolóxicamente soterradas que nos levan a querer seguir xogando como cando eramos nenos. O caso é que, despois dos monicacos de praza e labazada, só cando chegamos a adultos comezamos a cavilar nesa cousa marabillosa que, de Prometeo á Pinoccio pasando pola criatura do Dr. Frankenstein, fai que teimemos en lle dar vida ao que non o ten e a nos comportar como se a tivese, xogando a un xogo que en realidade non tiñamos aínda esquecido de todo: o de imaxinar algo moi forte moi forte até facer posible o imposible.

Tanxarina celebrou 25 anos de fíos e luvas cunha homenaxe ao tempo perdido do circo clásico. Dous pallasos estilo vadío elegante, agora enormes monstros a recrearen aquel pasado en miniatura, lembran os mellores números do circo no que traballaban grazas aos monicreques de fío aos que lles fan facer aqueles números tan improbables como esperados. Sermos conscientes do truco non lle resta maxia ao acontecemento; súmalle emoción: a emoción de saber o que vai pasar, e que o que vai pasar, aínda sendo o ‘aínda máis difícil’, acabará pasando.

Os manipuladores, titiriteiros experimentados en tantas mañás festivas, amosan un asombroso dominio da súa arte, que máis alá da construción duns bonecos de corte clásico guiados con mestría e dunha escenografía rechamante (a deconstrución practicable dun circo bicolor en miniatura) se manifesta na improvisación e na interacción directa co público.

A participación do respectable é fundamental para que a acción avance, e só auténticos artistas circenses son quen de a provocar con tal facilidade. Unha provocación (no dobre sentido do termo) que só é posible mantendo un alto nivel de improvisación co que demostran ser conscientes en todo momento tanto do que o público lles pode dar como do que lles pide, sabendo arrastraren tanto aos máis pequenos como aos máis escépticos coa xusta denuncia política actual e próxima, ou co chiste sexual máis chocalleiro, sen prexuízos de innecesarios horarios infantís e coa maldade propia do mellor bufón do reino.


Publicidade

Interacción co publico que ten a súa viravolta cando os humanos vivos dun e doutro lado da pista interactuamos tamén cos propios bonecos no que é un dos trazos de identidade máis definitorios da compañía, e que ten o seu punto culminante coa sempre incómoda e difícil subida dun/ha espectador/a ao palco para facer real, converténdose en Gulliver por un día, o número máis complicado: o equilibrismo de monicreque en monociclo sobre nariz de espectador.

E ao final só queda aplaudir, outra vez máis, iso que parece maxia e que en realidade é oficio, artesanía, vocación e profesionalidade e que nos lembra que o teatro, esa tantas veces cousa seria de discursos longos, tamén serve, cando cómpre, para distorsionar os tempos e os tamaños; para nos facer, aínda que só sexa un intre, tan felices coma o máis entregado dos cativos.

 

Titiricircus de Tanxarina Teatro
Guión e dirección:
Eduardo Rodríguez / Miguel Borines
Actores-manipuladores: Eduardo Rodríguez / Miguel Borines
Luz e son: Andrés Giráldez
Construción marionetas e escenografía: Tanxarina

Sala Ingrávida, Porriño, 3 de xaneiro de 2015.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

a filla de woody |

A filla de Woody Allen

346 |

Selección natural