Crítica

A filla de Woody Allen

Matar o pai

| Manuel Xestoso |

A filla de Woody

 

É ben sabido: o humor é unha forma cínica de enfrontarse á traxedia. Woody Allen é un prototipo nesa táctica de facernos rir das nosas miserias referíndose, aparentemente en exclusiva, ao seu propio personaxe, histérico e neurótico a un tempo. Pero todos sabemos que fala en xeral, que depositando a carga de penurias e miserias no personaxe Woody Allen está retratando ao home occidental contemporáneo, confrontado a uns problemas que quedan sempre por riba da súa capacidade de manobra.

A personaxe de A filla de Woody Allen herda os xenes paternos da neurose ante os pequenos dramas cotiás: a hipocondría, a suspicacia ante a sociedade de consumo, a sospeita da cultura do ocio, a irritación coa hexemonía cultural norteamericana… Pero, en realidade, as súas cuitas son tan propias coma herdadas e do que se trata aquí é de empregar un referente coñecido para reivindicar un personaxe novo. Un personaxe que, coma o seu modelo, entende demasiado ben a sociedade na que lle tocou vivir, sen que ese coñecemento frutifique nun maior beneficio para a súa existencia.

Hai un ir e vir entre o lugar común e a crítica aceda, entre o humor branco e o sarcasmo cruel. Niso consiste a humanidade dunha personaxe que abanea entre o escepticismo e a tenrura. Conforme avanza a obra, imos descubrindo que esa tenrura é sinónimo de vulnerabilidade e, daquela, a función comeza a tomar un camiño moi diferente a aquel polo que comezou. Se o inicio atopaba o seu patrón na frase enxeñosa, agora hai que esperar a que remate o parágrafo para descubrir que estamos nun territorio máis íntimo. E non é só unha cuestión de sintaxe: en realidade, son dúas formas de expresar a incomodidade ante a falta de sinceridade que nos rodea.

O salto entre esas dúas modalidades provoca un certo desconcerto no público, pero a personaxe –que sae beneficiada co cambio– xa avisa de que a felicidade hai que dosificala, de que unha vez chegados a ela non hai máis movemento posible. O certo é que –coma todos– só busca un descanso ante tanta angustia, unha saída que lle permita relaxar os seus mecanismos de defensa ante a permanente agresión do medio.

O resultado é unha función que se move a dúas velocidades e, aínda que o cambio de marcha non sempre se resolve con suavidade, gaña en complexidade: márcanse ás distancias co humor paródico de perfil plano no que sería doado caer. Nese sentido, hai tamén un recurso ao xestual que proporciona a plataforma para pasar do monólogo ao teatro unipersoal. Marián Bañobre, neste terreo, actúa como garante de que o fío non se perde, de que o intelectual e o emocional pertencen á mesma batalla pola supervivencia.

A viaxe en busca do pai é sempre unha procura da propia identidade pero, como ben sabía Freud, ao pai hai que matalo unha vez atopado. Canto máis se aparta a obra de Santiago Cortegoso do seu referente, máis personalidade adquire. Aínda que deba pagar o prezo de renunciar ao tótem do entretemento que o público reclama.

 

A filla de Woody Allen de Santiago Cortegoso
Compañía: Ibuprofeno Teatro
Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Marián Bañobre
Coreografía: Carmela Bueno

Lareta, Festival de Monólogos de Redondela. Auditorio Multiusos de Chapela, 28 de decembro de 2014.

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos