Crítica

Feelings

Sentir antes que contar

| Manuel Xestoso |

Feelings

 

Á hora de se enfrontar a un espectáculo de danza, non sempre é aconsellable buscar a narrativa que xustifica ás coreografías. Deixarse levar polas suxestións provocadas pola actividade física dos bailaríns pode ser un enfoque que libere de prexuízos o goce da obra e que estimule novas lecturas que a enriquezan. A proposta presentada por Janet Novás na sala Ingrávida podería ser un bo exemplo: existe unha trama expositiva relacionada coa morte e o dó que, supostamente, lle outorga sentido ao que vemos no escenario; pero prescindir desa información incrementa a riqueza semántica da montaxe.

En realidade, trátase dunha función máis próxima ao laboratorio creativo que a un espectáculo convencional e, quizais por esa razón, a parte narrativa é precisamente a menos sólida. Hai un primeiro cadro –unha especie de play-back doméstico do tema Feelings interpretado por Nina Simone– que resulta excesivamente longo: se nun principio cumpre a súa función de mergullar ao espectador no ton emocional da obra, a prolongación ameaza con desactivar a súa atención.

Mais é no corpo central do espectáculo no que Novás logra crear unha paisaxe dunha relevante densidade simbólica. Mediante un perspicaz emprego de recursos coreográficos e dramáticos, a artista logra transmitir dun xeito nítido a sensación de que a súa personaxe trata de defenderse fisicamente dunha ameaza que, en realidade, procede do seu interior. Crea así unha impresión de vulnerabilidade e desvalemento que vai máis alá do sentimento de perda para atopar matices interpretativos que apelan á introspección e que poden chegar a atinxir o existencial.

Existe un traballo técnico de altura –un estilo propio formado por elementos como a xestualidade compulsiva e a investigación nos equilibrios– do que, non obstante, non se fai alarde: está posto ao servizo da dramaturxia dun xeito honesto e cun tempo escénico que se axusta ás necesidades expresivas do que se quere contar. A propia natureza de ensaio que ten esta peza obriga a vela coma proceso en tránsito, incompleto; mais o movemento explícase sobradamente por si mesmo.

Os contrastes na banda sonora están moi ben utilizados para explicar as coordenadas de clima anímico nas que se move a función. E ao final, un ruído de distorsións electrónicas que o invade todo dá a medida da conmoción afectiva á que acabamos de asistir.

 

Feelings de Janet Novás
Dirección e interpretación: Janet Novás
Música: Nina Simone e Sergei Rachmaninoff

Sala Ingrávida, Porriño, 20 de decembro de 2014.

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos