in

Avestruz en terra allea

avestruz |

Inxenuidade

| Inma López Silva |

Berrobambán non acaba de lograr os espectáculos para adultos. Bos como son no teatro para a infancia, hai algo, unha sorte de inxenuidade escénica (non temática), que os conduce polo camiño do gastado, do pouco coidado, do falso innovador, cousas que, curiosamente, xamais estiveron nos seus espectáculos para nenos. Quizais é que encaran un público diverso con excesivo formalismo, querendo aportarlle todo o que consideran que separa os adultos dos nenos ademais de introducir todo o que saben que se lles dá ben como recursos escénicos do teatro infantil eficaces en calquera opción escénica. Ou quizais é, en fin, que facer teatro contemporáneo, fragmentario, arriscado na súa feitura e nos seus puntos de vista, require unha experiencia que Berrobambán aínda non acadou. Si é certo que este Avestruz en terra allea é mil veces mellor ca o anterior Pressing Catch que, malia ser dirixido polo excelente Quico Cadaval e contar cun elenco envexábel, era simplemente insultante para o espectador.

Nesta ocasión asistimos a unha peza que se deixa ver mais que non ergue paixón, que se mantén nunha sorte de aurea mediocritas na que estamos agardando permanentemente algo máis que non acaba de chegar. Se cadra débese a unha desigualdade importante entre as interpretacións dos actores (Paula Carballeira está nesta ocasión moito máis solvente ca Nuria Sanz e Chiqui Pereira), ou se cadra é porque o tema da vida e da familia, sendo interesante, fica nun punto de vista inxenuo, algo adolescente, que non afonda finalmente en verdadeiras cuestións de calado vital. Se cadra é tamén porque hai unha certa descompensación entre a fragmentación como recurso construtivo e un fío temático moi claro que requiriría, por momentos, unha dramaturxia máis de relato que quedou supeditada ao lirismo, á potencia do poemario como texto de partida.

Resulta interesante o espazo escénico á base de caixas de cartón que alude, no noso imaxinario colectivo, aos xogos da infancia, leit motiv da peza, e que se nos amosa como espazo dos segredos nos que se concentra a intriga, aspecto bastante ben aproveitado nun espectáculo no que todo sucede á vista.

Berrobambán teima no teatro para adultos con este Avestruz en terra allea, e, efectivamente, dá un paso adiante na súa propia traxectoria, optando pola modestia como punto de partida. Ás veces o teatro é así é, malia todo, as cousas non saen ben. Pero, polo menos, avánzase.


Publicidade

 

Avestruz en terra allea de Paula Carballeira
Director: Chiqui Pereira
Compañía: Berrobambán
Elenco: Paula Carballeira, Nuria Sanz, Chiqui Pereira
Música: Nacho Sanz
Iluminación: Baltasar Patiño
Espazo escénico: Mariña de Toro, Fran Corral (a partir dunha idea de X. Carlos Hidalgo)
Vestiario: Leticia Delgado

Teatro Ensalle, Vigo. 1 de febreiro de 2015.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

pequenascertezas |

Pequenas certezas

150204118 |

Escenas do cambio