in

La temperatura. El temperamento

latemperatura |

Dor e amor

| Afonso Becerra de Becerreá |

Latemperatura

 

A danza, como movemento puro, adoita ser, na súa presenza, máis icónica que simbólica. No entanto, se se lle enxerta a polifonía informativa propia da teatralidade, a base de elementos que conlevan unha temperatura semántica, entón prodúcese un híbrido que tamén fai danzar significados.

Velaí o traballo do vigués Fran Martínez Buceta, titulado A temperatura. O temperamento, que vén de estrearse no Teatro Ensalle da cidade olívica, o 5 de xuño de 2015.

Fran Martínez estudou arte dramática na ESAD de Galicia e despois danza en Lisboa. En A temperatura. O temperamento pode apreciarse esa sinerxia entre o actoral, máis ligado ao facer en escena, tanto na manipulación de obxectos como nas transicións entre as secuencias coreográficas, e o dancístico na súa capacidade de manexar os impulsos creativos nunha concreción corporal dinámica.

O escenario amósasenos cunha factura plástica abeirada á instalación ou ao poema espacial, asentándose, fundamentalmente, na tensión ascensional dun camiño de espigas, fronte á tensión do peso que exercen sobre as súas gráciles cabezas varias chumbadas prateadas. As espigas érguense cara ao ceo. Os chumbos penduran pesando cara á terra.

Se a isto lle engadimos que Fran nos canta, en diversos momentos do espectáculo, o poema “Más vale trocar”, de Juan del Encina, entón xa temos ese conglomerado de elementos simbólicos que se enxertan no coreográfico, igual que o propio corpo do actor-bailarín se inviste de erotismo ou pasa á loita entre tocarse e anoarse.

“Más vale trocar / placer por dolores / que estar sin amores. / Donde es gradecido / es dulce el morir; / vivir en olvido, / aquél no es vivir; / mejor es sufrir / pasión y dolores / que estar sin amores. / Es vida perdida / vivir sin amar […] / Amor que no pena / no pida placer, / pues ya le condena / su poco querer; / mejor es perder / placer por dolores / que estar sin amores.”

A delicadeza dalgúns nós físicos adquire a temperatura das sementes que estouran baixo a terra para abrollar en tenros gromos de vida.

A delicadeza do movemento dos dedos e as dedas, en paralelo, sobre o linóleo negro, contrasta coas percusións do corpo contra o chan en momentos de certa violencia, ou os saloucos dun respirar ostensible cando temperatura e temperamento acadan cotas climáticas de movemento.

O marco metálico para a espiga anoada no seu centro e os péndulos de chumbo, que trazan liñas rectas ferintes de luz, afían, asemade, un simbolismo sobre o temperamento e a temperatura da paixón, sexa esta de amor ou de dor, polos que se tocan segundo o poema de Juan del Encina e a danza de Fran Martínez.

 

A temperatura. O temperamento de Fran Martínez
Creación e interpretación: Fran Martínez
Iluminación: Pedro Fresneda

Vigo en bruto 2015. Teatro Ensalle. 5 de xuño de 2015

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

tanxarinaavocc81 |

A casa do avó

dsc06128 |

Croquetas