in

Miguel de Molina al desnudo

molina |

Copla e memoria histórica

| Afonso Becerra de Becerreá |

molina |

 

Existen historias e persoas, notables ou anónimas, que a historia oficial intentou borrar e terxiversar. As gadoupas da ditadura franquista e a súa longuísima tradición estendéronse alén das súas fronteiras cronolóxicas e, nalgunhas actitudes, aínda chegan ata a actualidade. As pegadas do nacionalcatolicismo parecen manterse indelebles nalgúns pensamentos e fíltrase por baixo dalgunhas portas, dalgunhas leis.

A arte do teatro, asemblearia e social por natureza, e un bo espazo para que xermole a memoria histórica, para homenaxear e facerlle xustiza a aquelas persoas que, pola súa ideoloxía e/ou tendencias sexuais, foron castigadas ao ostracismo, foron violentadas e maltratadas.

No Festival GREC de Barcelona 2015 vaise estrear unha obra sobre a vida de Neus Català, que pertenceu ás xuventudes do PSUC durante a Guerra Civil Española e que é a única supervivente do campo de concentración nazi de Ravensbrück. Sobre ela ten feito un interesante traballo a miña amiga Elisenda Belenguer. E agora vai estrearse unha obra de Josep Maria Miró Coromina, titulada Neus Català, un cel de plom, con dirección de Rafel Duran e interpretación de Mercè Arànega.

Hai pouco, puiden asistir, no Teatro García Barbón de Afundación en Vigo, a Miguel de Molina al desnudo. Unha biografía musical escrita e interpretada maxistralmente por Ángel Ruiz, con dirección de Juan Carlos Rubio. Un espectáculo no que se lle dá voz ao propio personaxe de Manuel de Molina, enriba do escenario, onde a inxusta historia de España lla quitara.

Para iso, bótase man da estratexia de facelo comparecer no teatro, en rolda de prensa, ante os medios de comunicación, para que poida desmentir os rumores e as versións pexorativas que buscaron condenalo naquel entón, cando sufriu agresións, persecución e exilio.

O público é ficcionalizado, como se fósemos os xornalistas aos que se dirixe e responde o artista.
A mestura de monólogo ao público con recitativos, nos que soan melodías ao piano, e cos números musicais nos que canta as coplas do seu repertorio, fan deste espectáculo un híbrido entre a reportaxe ou o documental ficcionalizado e o musical. Unha intensa e atractiva suma de drama, comedia e teatro épico.

As pasaxes máis dramáticas acostuman a realizarse en recitativo con piano e rematan en cante. “Bien pagá”, “Me da miedo la luna”, “La rosa y el viento”, “Y sin embargo te quiero”… A execución das coplas, por parte de Ángel Ruiz, non se cingue ao exhibicionismo vocal nin fica no propio cante, senón que lle engade moi equilibrados matices interpretativos. Deste xeito, a mestura de interpretación actoral e melodía cantada eleva a dimensión semántica das letras e dálles unidade respecto ao relato monolóxico da vida de Miguel de Molina.


Publicidade

Un personaxe que era capaz de converter os insultos homófobos cara a súa persoa en chistes e grazas, como xeito de atallar a barbarie e de empoderarse. Algo que, ao final, tampouco o librou da desgraza.
O relato da malleira que recibiu por rojo y por maricón, levado por tres membros do goberno franquista a un descampado que había na Castellana de Madrid, logo de sacalo do Teatro Pavón onde actuaba, é feito, por Ángel Ruiz, no proscenio, baixo un recorte cenital azulado, sen concesións ao morbo nin ao sentimentalismo, desde unha sobriedade impactante que lle outorga a súa eficacia, tanto emocional como política.

Miguel de Molina al desnudo xoga cunha ben orquestrada harmonía entre o axuste de contas, a homenaxe, e as grazas do xogo teatral e dos números musicais.

 

Miguel de Molina al desnudo de Ángel Ruiz
Elenco: Ángel Ruiz
Dirección escénica: Juan Carlos Rubio
Piano e dirección musical: César Belda
Iluminación: José Manuel Guerra
Vestiario: Miguel Crespi
Coreografía: Mona Martínez
Produción: Laboratorio de la voz Producciones

Teatro García Barbón (Afundación). Vigo, 20 de xuño de 2015.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

miradamirroire |

Mirada mirroire

tiagorodriguez3cbeaborgers 0 |

Três dedos abaixo do joelho