Un saboroso gusto amargo
Roi Vidal Ponte
Que o persoal é político sabémolo desde o feminismo radical de Kate Millett, cuxa proclama semella estar presente na ideoloxía de certas creacións artísticas como esta Raclette de Ibuprofeno Teatro na que cinco personaxes mostran as súas miserias arredor dunha mesa con comida. A cea como ese lugar de encontro co outro, a ponte entre o eu e o nós, o limiar entre o privado e o colectivo.
Santiago Cortegoso elaborou o que posiblemente sexa o seu mellor texto cos alicerces das traxedias familiares de Eugene O’Neill e dos dramas burgueses de Henrik Ibsen. Logra que a espectadora se identifique cun prato no que apenas hai acción dramática, senón conversas sobre opinións e sentimentos arredor das verduras, a carne e o queixo fundido ao calor de recoñecibles costumes da progresía máis recalcitrante. Divide o argumento en dúas escenas alternas e xustapostas, creando un contrapunto refrescante entre a desgraza da trama máis íntima e a autoparodia cómica da máis social, ambas igualmente conflitivas.
A acaida escolla do elenco enriquece unha recepción de varias capas. Toni Salgado, cínico de seu, encarna un actor de teatro que odia a televisión. A súa muller, produtora dunha serie, está representada por unha contundente Déborah Vukusic. O seu enfrontamento é o de dúas maneiras de entender a interpretación actoral: como arte inconformista ou como xeito de gañar a vida a calquera prezo; mais tamén é o enfrontamento entre o vello e o novo, entre un teatro político anticapitalista que non ten público e unhas series de televisión aclamadas pola crítica como máxima expresión da arte na actualidade. Na trama tráxica, unha contida Iria Sobrado afronta con solvencia a debilidade dunha nai á beira do pranto mentres Salvador del Río lle dá credibilidade ao pai que se esforza por superar o trauma de maneira inocente, obsesiva e desesperada. E no medio dos dous planos, cunha grande responsabilidade tanto no aspecto cómico como no tráxico, está a firme e difícil interpretación de Marián Bañobre, entrañable na seu recreación dunha friki nada caricaturesca e emotiva na ocultación dunha culpa inesperada.
A procedencia televisiva do reparto está fundamentada pola mensaxe que a peza pretende transmitir: o cada vez máis perigoso lugar que ocupan os medios de comunicación nunha sociedade na que a fama e a competitividade por acadala poden provocar asasinatos paradoxalmente inocentes. Só desde ese paradoxo se pode aceptar a dubidosa verosimilitude dun final se cadra demasiado conciliador, aínda que resolto coa emotividade e a beleza teatral propias dun filme de Apichatpong Weerasethakul, cineasta tailandés cuxo gusto polo espectral semella compartir Cortegoso tanto por boca das súas personaxes como nas chiscas de surrealismo da súa posta en escena.
A presenza das espectadoras no escenario confirma a intencionalidade política desta rica visión sen condimentos do privado evidenciando ese carácter de espello social que seica ten que ter o realismo. A xenialidade do dramaturgo, recoñecida co Premio Álvaro Cunqueiro do 2014, cocíñase no lume lento dunha intriga guiada pola demorada dosificación da información e nesa tan shakespeariana mestura entre a traxedia e a comedia capaz de maridar as amargas lágrimas do truculento co discreto encanto dunha burguesía tan snobista como a que non enche os teatros, nunha proposta escénica que adereza a dor morbosa dos melodramas de sobremesa coa sátira social do Oscar Wilde máis retranqueiro, incorrecto e acedo, o que lle insufla aire fresco a unha proposta de estética cosmopolita que pode chegar a ser a produción máis importante da temporada.
Raclette de Santiago Cortegoso
Compañía: Ibuprofeno Teatro
Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado, Salvador del Río
Escenografía e imaxe: Diego Seixo
Iluminación: Salvador del Río
Vestiario: Marián Bañobre
Teatro Rosalía de Castro, A Coruña, 22 de xaneiro de 2016.