Crítica

Unhas poucas picadelas

O peso dos roles de poder e a violencia de xénero no matrimonio

Afonso Becerra de Becerreá

 

Picadelas

 

Ben está o risco de asumir asuntos espiñentos e complicados de tratar na escena.

Ao pouco de comezar, Unhas poucas picadelas convértese nunha pedra gris que pesa sobre a atmosfera de traxedia. O palco amósanos unha relación de parella convencional, un matrimonio heterosexual, como algo de alento tráxico.

A vida cotiá e o seu encaixonamento na rutina redutora dos roles non igualitarios de parella cheira a rancio, malia a súa desgraciada actualización constante. A idea de progreso social choca estrepitosamente cos roles de xénero nos que se estandariza a desigualdade, desde o fogar ata a empresa.

En Unhas poucas picadelas os grises escenográficos (moqueta do chan que se eleva a parede de fondo, mesa e cadeiras con ángulos visuais deformados) enmarcan unha relación tamén gris, de trazos funestos. O chan vólvese parede e as paredes apreixan contra o chan. O peso da traxedia séntese no deseño da iluminación e na concepción escenográfica, pero tamén na coherencia do emprego do estilo interpretativo actoral.

O marido viril, interpretado por Machi Salgado. A ama de casa doce e submisa, interpretada por Casilda Alfaro. A narradora, que é voz da radio, voz epistolar da amiga, quizais reduto coral da antiga traxedia… interpretada por Pepa Barreiro. Encaixonamento de perfís ríxidos e inflexibles abocados á desgracia.

A miseria humana, as dependencias económicas, o papel das nais na educación dos fillos varóns e a perpetuación dos roles de xénero… A mestura desacougante entre o sexual e o violento, entre as leves faiscas eróticas e as inmobilizantes acometidas tanáticas. As accións dos personaxes, igual que as formas que os envolven, xeran un peso tráxico sobre a atmosfera escénica.

Machi Salgado e Casilda Alfaro fan cribles os difíciles roles de verdugo e vítima, nun realismo de arestas teatralizantes sutís. Unhas arestas estilizadas que, desde a dirección escénica, amosan unha vontade de afiar o coitelo ata o límite. Ao mesmo tempo que se fai dixerible pola distancia teatralizante das convencións espectaculares que non disimulan, senón que amosan, o xogo do teatro.

Esta vontade, ademais das arestas no estilo interpretativo realista, tamén se fai explícita no emprego dos elementos escenográficos: a mesa como porta do fogar ou como leito, as patacas invisibles que xiran nas mans de Casilda á beira do coitelo…

A tradución de Xosé Manuel Pazos Varela é brillante porque traballa con actos locutivos de concisión afiada e, á vez, consegue un rexistro de fala popular fluído, sen renunciar á fraseoloxía máis patrimonial da nosa lingua.

 

Unhas poucas picadelas de Laila Ripoll
Dirección escénica: Etelvino Vázquez
Elenco: Casilda Alfaro (ELA), Machi Salgado (EL), Pepa Barreiro (VOZ).
Escenografía: Pablo Giráldez “O Pastor”
Vestiario: Julia Abal
Iluminación: Salvador del Río
Música: Anxo Graña
Tradución: Xosé Manuel Pazos Varela
Produción: Teatro de Ningures

Auditorio Municipal de Cangas, 6 de marzo de 2016.

 

 

 

 

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!