in

Ensaio Amor

ensaioamor |

Que é o amor?

Afonso Becerra de Becerreá

 

EnsaioAmor
Foto: Adrián Figueroa

 

Que é o amor? Cadaquén responde a esta pregunta con actos que lle dan forma. A pregunta e o tema semellan desgastados, porén a súa actualización escénica pode anovalos na performance dos corpos e das relacións que institúen.

Ensaio amor de Nuria Sotelo ponnos diante unha concepción do amor baseada na confianza plena e natural que irradia Lena Vilanova, unha bebé de pouco máis dun ano de idade. Lena acompaña á súa nai, Nuria Sotelo, coreógrafa e actriz-bailarina, enriba do palco, e ambas dilúen os roles domésticos e domesticados da nai/filla, da coidadora/coidada, da que sabe e da que debe aprender. Non, aquí Lena Vilanova móvese con liberdade, con ledicia, coa confianza do amor, desde a súa motricidade de bebé, que gatea, que fai sons expresivos inarticulados, que se entretén con pequenos detalles que atopa ao seu paso. Porque Lena Vilanova é puro presentismo, puro xogo aquí e agora: a esencia do teatro.

Lena está conectada con Nuria e viceversa, o mesmo que as catro actuantes, sen necesidade de mirarse continuamente. Forman un equipo. A confianza tende pontes para que todo, no xogo teatral, acade o seu lugar xusto e xermole a beleza. A forma da composición adquire, nesa dinámica amorosa, as proporcións adecuadas para que xurda a beleza e o sentido inmanente da mesma. Forma e contido casan en beleza e sentido, en virtude do amor e das súas proporcións áureas.

A integración da violoncellista Macarena Montesinos, a bailarina Clara Ferrao, Nuria Sotelo e Lena Vilanova é plena, simbiótica. Con momentos para unha maternidade sen impostacións que reborda beleza. Con momentos para a danza que compromete os corpos en xiros, portés, carreiras e desprazamentos na horizontal e na vertical…

O solo de Nuria xogando contorsións no chan, como a criatura que se constrúe e busca erguer. O dúo Nuria-Clara, nesoutro amor sincronía dos corpos que xungue o movemento case acrobático, ás veces con Lena enriba da nai.


Publicidade

Os momentos para retorcer tamén a plasticidade e a sonoridade do violoncello contra o chan ou elevado no ar, ou establecendo paralelismos morfolóxicos cos corpos. A composición coa manta que adquire os contornos figurais dun mamífero abstracto, acompañado do relato mítico do nacemento proferido por Nuria.

As reflexións enunciadas por Clara Ferrao entre a coreografía, sobre a “situación motriz”, a “improvisación” e o “aleatorio”.

Ensaio Amor invístese dunha fonda coherencia dramatúrxica e dunha beleza moi pegada a esa confianza e a esa ledicia animais que tanto humanizan a quen xoga, a quen ama e a quen mira desde a butaca (con amor).

 

Ensaio amor
Dirección: Nuria Sotelo
Elenco: Nuria Sotelo, Macarena Montesinos, Clara Ferrao
Iluminación: Baltasar Patiño
Coprodución: Escenas do Cambio e Festival ALT, coa colaboración de Azala.

Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. ALT 16. Auditorio Municipal do Concello, 9 de marzo de 2016.

 
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

picadelas |

Unhas poucas picadelas

kaash |

Kaash