in

Illa / Ollo

illaollo |

Xograis, bufóns e outras criaturas fantásticas

| Afonso Becerra de Becerreá |

 

IllaOllo

 

Illa/Ollo da compañía luguesa Nasdrovia Teatro é un espectáculo dirixido por Roi Vidal Ponte que pon en solfa a Illa do gran mestre da dramaturxia galega Manuel Lourenzo. Illa/Ollo estreouse o 22 de novembro de 2015 no Auditorio do Vicedo, onde demostrou a súa eficacia no xogo complementario dos opostos: a gargallada cómica e a maxestade tráxica.

Porén, o precario sistema teatral galego, coa súa desnutrida rede de teatros e auditorios e casas da cultura e cidades da cultura, non permiten que un traballo tan peculiar e tan eficaz chegue ao público. O dereito ao acceso á cultura en Galiza é algo mínimo que nos condena, malia aos esforzos e á creatividade dos artistas de noso.

Illa/Ollo é un espectáculo atrevido no ético e no estético para os tempos que corren. No palco atopámonos con brillantes achados dramatúrxicos que cumpren funcións retóricas nas que a ironía, a metáfora e a parodia xogan un papel importante. Velaí o mapa de Galicia do revés, esa Ítaca invertida e, se me apurades, pervertida por este Cíclope que nos está fodendo!

Velaí o mítico canto das sereas ante o que sucumbían os mariñeiros para a súa desgraza.
Na primeira volta desta dramaturxia, desde a perspectiva da traxedia, Ulises e Sileno abren os ollos desorbitadamente mentres escoitan o canto inaudible, para nós, das sereas. O terror do silencio.

Na segunda volta, a dramaturxia ofrécenos a mesma situación desde a perspectiva da farsa e, desta vez, o canto das sereas faise audible: é o himno da Unión Europea.
Un espectáculo que proba o efecto teatral dunha idea filosófica formulada por Karl Marx e reformulada por Slavoj Zizek sobre a repetición da historia, primeiro como traxedia, despois como farsa.

Un show que raia no espectáculo de varietés.
 Unha voz teatral, a de Roi Vidal Ponte, que utiliza o estilo pop alén do mero entretemento, arriscándose desde unha intencionalidade que elimina calquera indicio vacuo.
 Unha utilización da estética pop arraizada no enxebre, sen concesións nin ao folclorismo sentimental e redutor nin a grandilocuencia engolada.
 Un espírito lúdico que se dispara cunha intertextualidade rica nas referencias e citas de diversa índole e procedencia. Pero que, ao mesmo tempo, é asequible dentro do xogo que se propón, sen alardes culturalistas nin xerarquías que eleven o palco por riba da recepción.

A interpretación de Simón Piñón e Gustavo Fouce lembra a dos lendarios xograis, aqueles artistas que, na Idade Media, recitaban, bailaban e tocaban instrumentos. Tamén xogan nunha clave abeirada ao bufón e, en certos momentos, conseguen artellar pasaxes evocativas de alento mítico, encontradas con outras dun expresionismo celta de banda deseñada. Poesía, divertimento e xoldra para facer estourar unha fábula exemplar.


Publicidade

 

Illa/Ollo de Manuel Lourenzo
Compañía: Nasdrovia Teatro
Dramaturxia e dirección escénica: Roi Vidal Ponte
Elenco: Simón Piñón e Gustavo Fouce

Estrea no Auditorio do Vicedo. 22 de novembro de 2015.

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

formacousas10 |

A forma das cousas

palabrasmalditas |

Palabras malditas