O prohibido contra a poesía da vida
| Afonso Becerra de Becerreá |
Veño do Teatro García Barbón d’Afundación de Vigo, como quen vén de facer unha viaxe na máquina do tempo do teatro, nun flashback directo aos anos corenta. Esa é a época na que transcorre a historia de Palabras malditas, a través da que Eduardo Alonso nos demostra, de xeito verosímil, como os pensamentos, as palabras e os sentimentos son feitos. Porque, igual ca os feitos, se consideran perigosos e nos condenan nun contexto de restrición das liberdades.
A posguerra civil española, a Ditadura franquista, é o marco no que se xogan os destinos de Clara Campos e Vicente Rincón, os personaxes protagonistas. Unha parella especial de poetas na súa “giornata particolare”, asediados por desacougos persoais e por unhas coordenadas espazo-temporais adversas.
Miquel Insua e Sara Casasnovas ofrecen interpretacións cheas de matices, nun rexistro realista moi ben medido. Ademais, desde a dirección, está moi ben xogado o contraste entrambos personaxes, a ledicia xuvenil e o desenfado dela, a prudencia elegante del, así como o personaxe de Luma Gómez, que é terra, nai, e que, á súa vez, tamén contrasta con ese idealismo desencantado da parella protagonista dos poetas.
A obra sabe xogar coa intriga. Os personaxes van descubríndosenos co desenvolvemento da acción. E o dramaturgo, ademais, revélasenos tamén como poeta ao inserir na peza composicións líricas escritas para os personaxes, incluso traballando a evolución no estilo poético do personaxe de Clara Campos.
A escenografía de Paco Conesa pon no proscenio os nosos días e no palco un espazo moi ben equilibrado nos volumes e na calidez das luces, que recrea, escenograficamente, a habitación da pensión da Coruña, nos anos corenta, na que transcorre a historia.
Un melodrama cunha dimensión política de considerable impacto.
Palabras malditas de Eduardo Alonso
Compañía: Teatro do Noroeste
Dirección: Eduardo Alonso
Elenco: Miquel Insua, Sara Casasnovas, Luma Gómez e Inma Antonio.
Composición musical: Fernando Alonso
Escenografía: Paco Conesa
Teatro García Barbón de Vigo. Afundación. 1 de abril de 2016.
GIPHY App Key not set. Please check settings