in

Dramaturxia das mulheres

inherente2 |

Insubordinación posdramática das mulheres

| Afonso Becerra de Becerreá |

 

inherente2

 

O mundo, a visión do mundo, do mundiño pequeno no que vivimos, é unha necesidade perentoria para tropezarmos menos ou para tropezarmos mellor, ou sexa, con menos dor. Pero para iso non nos basta só cos nosos ollos e coas nosas entendedeiras, precisamos tamén acudir a un lugar onde poidamos compartir a visión do mundo das nosas veciñas. Necesitamos encararnos co xeito de ver o mundo das rapazas de entre vinte e trinta anos. Necesitamos saber como nos presentan o mundo desde as xeracións máis novas de profesionais da escena e tamén desde a perspectiva das mulleres.

O sábado, 26 de novembro, a Sala Ingrávida do Porriño, permitiunos gozar e flipar con Dramaturxia das Mulheres, da nova compañía Inherente Teatro. Unha obra inaugural, creada colaborativamente por tres actrices dramaturgas: Noelia Blanco, Celina Fernández e Pia Nicoletti, co deseño de iluminación de Laura Iturralde.

Dramaturxia das Mulheres é un poliedro posdramático de atrevido ton político. É un poliedro porque, malia ser unha estrutura de colaxe ou crebacabezas, configura un espazo teatral que, desde cadanseu cadro ou secuencia, nos permite observar o interior das actrices, os seus desacougos, as súas xenreiras, as súas dúbidas, as súas reivindicacións. E todas esas secuencias ofrécennos diversas perspectivas de asuntos nos que a idade e o xénero inciden. Asuntos que, a priori, poden parecer tópicos, como poden ser os complexos das rapazas por non ter un cu perfecto, ou por ter algo de barriga, ou por ter celulite, ou por ter que xustificar non querer depilarse, porén a sinceridade e a fisicalidade desde onde as actrices se sitúan, convértenos en revelacións nas que o íntimo se volve provocativamente político e o tópico se encarna e singulariza.

Entre 125 espectáculos innovadores presentados desde diferentes partes do mundo, Dramaturxia das Mulheres de Inherente Teatro, foi seleccionada entre as sete participantes do CENIT 2016 (Certamen de Nuevos Investigadores Teatrales) de Sevilla.

Unha das bazas principais desta proposta é a afirmación das persoas das actrices, desde unha fisicalidade moi próxima á danza-teatro, desde a que son capaces de xerar imaxes de alta voltaxe, tanto desde unha perspectiva máis lírica e poética, como por exemplo nas escenas que levan cara á abstracción o mundo da infancia e das cancións de berce, mesturadas con esa tensión posesiva dos proxenitores que queren modelar as fillas segundo a súa idea do que debe ser. Ata unha perspectiva na que a plasticidade e a beleza da escena acaba por enfrontarnos a unha ironía case dolorosa, da muller envolta para agasallo, como unha árbore de nadal, plastificada como un produto de consumo, nunha obxectualización que remata coa actriz, Noelia Blanco, cantando ao micrófono: Happy Birthday, Mr. President, nunha homenaxe a Marilyn Monroe.

Ou a escena sobre a banalización da figura das meigas, converténdoas nun souvenir turístico, cando Pia Nicoletti nos conta a súa viaxe en autostop desde Grecia, e a parada nun bosque de Huesca onde queimaran mulleres acusadas de bruxas, que agora é como unha especie de parque temático de recreo, para ir merendar e facerse fotos. O relato vai en disxunción coa caracterización da actriz, vestida cun búrca negro e cun bolso de luxo.
Ou a trata de doces no mercado, que nos le Celina Fernández, mentres Pia e Noelia fan unha performance cunha xerra de sal que é derramada entre as pernas invertidas dunha delas.

Ou a parodia do reguetón sobre a “panxoliña” no que a Virxe está lavando cueiros e tendéndoos no romeiro.


Publicidade

Non hai nesta Dramaturxia das Mulheres nin unha soa imaxe que non despregue alomenos dúas forzas, por un lado o impacto plástico e coreográfico, por outro lado a provocación ideolóxica, a través da ironía ou da parodia. E sempre o alegre desenfado dunha tríade de mozas que soben ao palco desprovistas de poses e imposturas, de sensiblerías ou efectismos vacuos. Non. Inherente ofrécenos unha proposta atrevida, cun punto revoltoso, pero, á vez, amable, porque nestas tres actrices hai un indómito espírito optimista que, no fondo, está a celebrar con nós a posibilidade dun mundo mellor, a base de esconxurar aquilo que nos ata e nos impide.

 

Dramaturxia das mulheres de Inherente Teatro.
Dirección e creación: Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti.
Elenco: Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti.
Iluminadora: Laura Iturralde
Música: Agoraphobia / Giuseppe Verdi/Gardel / AurélienCalvo / Zareh Kan / Los peces en el río.
Escenografía: Noelia Blanco, Celina Fernández y Pía Nicoletti.
Deseño artístico: Inherente Teatro.
Produción e distribución: Inherente Teatro.

Sala Ingrávida do Porriño, 26 de novembro de 2016.

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

convenccca7aoventriloquos |

The Ventriloquists Convention

ultimosdias01 |

Os últimos dias da humanidade