in

Os últimos dias da humanidade

ultimosdias01 |

Monumento titánico ao eterno naufraxio

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: João Tuna |

 

ultimosdias01

 

Unha titánica posta en escena para expoñer o sisífico destino da humanidade. Esa podería ser unha forma de resumir o complexo desafío que supón levar a escena Os últimos días da humanidade, de Karl Kraus. O Teatro Nacional São João ofrece a través desta produción unha viaxe imprescindible pola historia do continente europeo desde o inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914 ata hoxe, máis dun século despois. O periplo, que o público emprende da man de decenas de personaxes a través dun elenco composto por 21 intérpretes, permite cerciorarnos de que os erros do naufraxio seguen a ser os mesmos; de que a linguaxe continúa a ser manipulada en beneficio dun discurso que evidencia que a guerra segue a ser a mesma e que ten como principal vítima a alma da humanidade, ao volverse inhumana. Como expón o personaxe do Eterno Descontente, alter ego de Karl Kraus: “Esta guerra foi mais do que pecado, foi mentira, mentira diária, de que escorria tinta de impressão como se fosse sangue”.

Escritor e xornalista, Kraus aplica en Os últimos días da humanidade a súa incisiva mirada sobre a actualidade e ofrece unha crónica crítica e unha sátira tráxica que Nuno Carinhas e Nuno M Cardoso traducen á perfección nunha posta en escena sinxelamente complexa. Unha titánica tarefa dramatúrxica condensa a peza de Kraus para a súa lectura escénica e deseña un espectáculo que vai da viveza e o dinamismo imperante da primeira parte titulada “Esta grande época” á lenta densidade case hipnótica da terceira parte, “A Última noite”. En conxunto, o espectáculo de máis de seis horas –e que puido ser visto fragmentadamente ou en continuidade- ofrece un valioso mosaico de imaxes, reflexos, testemuños e impactos que dan corpo á memoria e dialogan coa actualidade máis recente denunciando a crueldade da historia.

“Na guerrra está em jogo a vida e a morte da língua.(…) Já não é possível saber se quando se diz escudo se alude a uma moeda ou a uma arma de guerra e todos os que se limitavam a ganhar uns escudos hão-de ganhar no futuro um escudo”, asegura tamén o Eterno Descontente. A linguaxe é unha das grandes protagonistas desta proposta necesaria e imperdible. A linguaxe e o seu uso queda en evidencia no seu desfile en boca de militares, da comunidade científica, do colectivo de xornalistas e os titulares que sobrevoan as escenas, dos oradores que toman os púlpitos e das cabezas de familia que constrúen as relacións asumindo a fraseoloxía da propaganda.

Cun xogo de efectiva interpretación distanciada, personaxes-tipo e personaxes-invidivuo, personaxes individuais e colectivos despréganse nun terreo que non é só campo de batalla senón de acción. Estes últimos días da humanidade que ofrece o TNSJ líbranse nunha vasta terra de ninguén: unha terra de cinzas que convida á imaxinación. Nela, a incesante entrada e saída de presenzas xunto coa introdución de elementos mínimos permiten construír e transitar con fluidez por múltiples espazos, facilitando a convivencia do plano máis práctico co metafórico.

Nuno Carinhas e Nuno M Cardoso constrúen con Os Últimos Dias da Humanidade, de Karl Kraus, un laboratorio da apocalipse medido conscientemente e equilibrado con precisión. Nel, mesturando o tratamento dun humor acedo coa construción poética, traen á superficie a denuncia do eterno desamparo que padece a paz do ser humano. Nese escenario devastador, o resultado é un aplauso rotundo para unha peza onde o despregue humano que require o traballo teatral serve de abrigo, polo menos por unhas horas, para calquera novo naufraxio.


Publicidade

 

Os Últimos Dias da Humanidade, de Karl Kraus
Dirección: Nuno Carinhas e Nuno M Cardoso
Dramaturxia: Nuno Carinhas, Nuno M Cardoso, João Luis Pereira, Pedro Sobrado.
Tradución: António Sousa Ribeiro
Elenco: Ana Mafalda Pereira, Andreia Ruivo, António Durães, Benedita Pereira, Diana Sá, João Cardoso, Joana Africano, João Castro, João Lourenço, Mafalda Canhola, Marcello Urgeghe, Maria Inês Peixoto, Miguel Loureiro, Paulo Calatré, Paulo Freixinho, Pedro Almendra, Raquel Cunha, Rita Pinheiro, Sara Barros Leitão, Teresa Arcanjo, Tiajo Sarmento.
Escenografía e figurinos: Nuno Carinhas
Deseño de luz: Wilma Moutinho
Deseño de son: Francisco Leal
Música: Jonathan Saldanha
Vídeo: Pedro Filipe Marques

Teatro Nacional São João, 19 de novembro de 2016.

 

 

 

 

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

inherente2 |

Dramaturxia das mulheres

o mundo web |

Política de terra queimada