in

O camiño da extinción

RuinedTheatre |
| Vanesa Sotelo |

 

capaRGT98 |Estamos abocadas a desaparecer. Ese é o camiño irremediable. É unha idea á que custa afacerse pero a realidade non é outra. Desde que xurdiu a vida na Terra foron cinco as extincións masivas. Na actualidade, debido á acción dos seres humanos, a comunidade científica indícanos que o planeta está ao bordo da denominada Sexta Extinción. Por iso cómpre prestar atención ás grandes desaparicións, pero sobre todo ás pequenas ausencias que se poidan dar. Despois de todo, sabemos que o ser humano non sobrevirirá sen os insectos, que nalgúns lugares desaparecen en masa a consecuencia do cambio climático e a contaminación química.

Como ente vivo, en risco de desaparición material, está tamén a erregueté – Revista Galega de Teatro. Afogada pola retirada de apoios económicos institucionais, despois de 36 anos de historia, as axudas para facer posible a súa continuidade en papel diminúen en sentido inversamente proporcional aos proxectos que emprende e os esforzos altruístas que diariamente inviste para desenvolvelos. Ante esa situación, coa consciencia de iniciar unha etapa de resistencia de duración e consecuencias descoñecidas, vémonos na obriga de reducir -de catro a dous- o número de revistas por ano, concentrando neste último trimestre os números 98 e 99 como ensaio para encarar o próximo 2020. Mantendo aínda as seccións habituais, esta nova periodicidade inclúe dous textos de creación en cada número co obxecto de asegurar a saída de catro títulos cada ano e manter a nosa aposta co compromiso na difusión da dramaturxia contempo- ránea e da tradución ao galego de novas pezas.

«Mete medo esa capacidade que ten o teatro para entrar na nosa realidade e mudala», escribe Paula Carballeira no artigo que dedica dentro do apartado Temas e que nesta ocasión se centra na cuestión do teatro para a infancia e a adolescencia. Talvez ese poder de cambio do que fala sexa o motivo das agresións visibles que veñen padecendo as artes escénicas no noso contexto máis inmediato e que abordamos na sección Proscenio baixo o título «Acabar co teatro». Con ela achegámonos á saída de Chévere como compañía residente no Concello de Teo, lembramos o episodio do peche do Museo da Marioneta en Lalín e percorremos desde diferentes voces o atentado por parte do Concello de Ourense contra a continuidade do Festival Internacional de Teatro de Ourense.


Publicidade

No xa sinalado intento por manter a aposta pola difusión da dramaturxia, nesta ocasión os títulos que temos o pracer de compartir son o de dúas traducións. A primeira é Os amantes sobrehumanos, peza coa que Ruth Gutiérrez Álvarez acadou o XLIII Premi Born de Teatre e que a tamén recentemente galardoada co Premio de Tradución Plácido Castro, Antía Veres Gesto, se encarga de verter ao galego. A segunda é Ubú colonial, de Alfred Jarry que chega ás nosas páxinas en galego da man de Henrique Harguindey.

Como é habitual nas súas páxinas, a erregueté percorre citas destacadas e singulares do noso territorio como é o caso do festival Corpo(a)terra e festivais que centran o seu programa no público máis novo que centra a atención deste número; dialoga con creadoras como Suzanne Lebeau, Phia Ménard ou Javier Martín; e aproxímanos a algúns dos nomes que este ano recibiron o recoñecemento pro parte da profesión nos Premios María Casares 2019. É o caso de Laura Iturralde, Iria Pinheiro ou Elefante Elegante.

No tempo efémero dunha arte efémera na que todo desaparece, ademais dunha seria e necesaria chamada de atención, o que xorde neste mesmo parágrafo é a voz do agradecemento para ti que les por ternos e manternos entre as mans, construíndo máis horizonte. Conscientes de que a perda dun insecto é unha derrota, só sabemos seguir apostando por insistir na reflexión, na análise e na circulación de información tamén en papel e desde un medio propio impulsado desde a base da colaboración e o asociativo.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ummm avento proddd |

Ummm!!!

Omelnoncaduca02 |

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece 328 actuacións e 18 estreas até xuño