in

Ummm!!!

Ummm avento proddd |

Unha doce sensación

| Vanesa M. Sotelo |

Din que hai bolboretas no estómago cando namoramos, que un nó atravesa o estómago cos nervios, que hai noticias difíciles de dixerir, que hai persoas imposibles de tragar… Non é capricho nin casualidade relacionar tan habitualmente sistema nervioso e dixestivo a través da linguaxe xa que, despois de todo, existe unha conexión directa entre cerebro e intestino a través dun circuíto neuronal. Posiblemente sexa esta forte relación entre como rumiamos o que pensamos e a mediatización á que nos últimos anos vén experimentando o mundo gastronómico, o que fai da cociña unha arma fundamental tanto para seducir como para interpretar o mundo. Sempre fiel á súa liña de teatro musical e, dalgún xeito sumándose á tendencia do amor polo culinario, Teatro Avento Producións ofrece no seu repertorio Ummm! Unha comedia musical para chupar os dedos! E con ela acerta plenamente en fondo e forma.

Martín Maez asina un texto efectivo, ben medido e temperado no que, a través de dúas personaxes en igualdade de condicións, tradición e innovación libran a súa particular contenda na pastelaría de Dona Remedios. Dunha forma áxil e segura, case sen esperalo, asistimos ao longo dun día de traballo –xornada de 12 horas, por certo- á consecución dun pacto para defender e mellorar os intereses dos protagonistas, Ana e Lito.

Desde a dirección, Xoán Abreu organiza, especia e condimenta os diversos ingredientes desta comedia para todos os públicos trufando a historia de vivos temas musicais e coreografías que activan, comparten valores e interactúan co público sen edulcoralo. A teatralidade que defende contribúe a acentuar o xogo e permite que a mensaxe calle de forma lúdica e amena; modelada a base de detalles que se ordenan a través da palabra e os elementos escénicos sen forzar historia. Evitando o explicativo e o ilustrativo, cobre o traballo de capas que permiten un goce diferente segundo a idade das espectadoras e as súas diferentes experiencias de vida.

Sinalabamos no inicio a sedución permanente que se establece entre cerebro e estómago. Esa sedución é tamén a que existe entre os dous personaxes, interpretados por Rocío Salgado e Martín Maez: unha sedución desenvolvida a través das ideas que ten como resultado un cambio nas miradas. Sedución é tamén a que conseguen materializar os intérpretes co público ao desempeñar con solvencia e sentido de facilidade o seu rol acadando que unha peza de pequeno formato se transforme en algo maior. Para isto non podemos obviar o espazo deseñado por Jose Faro Coti: un recinto de acabados pastel que abre a porta a un mundo retro onde se cruzan as referencias a musicais clásicos suspendendo o tempo.


Publicidade

É Ummm!!!  teatro artesán que coñece ben a súa medida, que aposta polo próximo para ser grande, que mira atrás para dialogar co presente, que comparte e reflexiona sobre os valores sen mastigalos. Consegue Teatro Avento con esta produción unha proposta equilibrada desde a que pensar a necesidade de coidar o legado e abrazar a novidade, coñecer palabras novas e conservar a lingua; de saber seducir a mirada allea coa honestidade da propia mirada. Unha peza de boa repostería, apta para diabéticas.

 

Ummm!!! Unha comedia para chupar os dedos!, Teatro Avento Producións

Dirección e coreografía: Xoán Abreu
Interpretación:
Rocío Salgado e Martín Maez.
Texto: Martín Maez
Cancións: Jonathan Caramés. Arranxos: Anxo Fernández
Letras: Martín Maez e Xoán Abreu
Escenografía: José Faro Coti
Vestiario: Fernanda Barrio e Merchy Lago
Atrezzo: José Faro, Coti e Rocío Salgado
Iluminación: Javier Quintana

Auditorio Municipal de Cangas, 4/1/2020

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Janet Novas álvaro serrano sierra 13 |

“Mercedes máis eu” abre o ciclo Lugo En Danza 2020

RuinedTheatre |

O camiño da extinción