in

Outwitting the devil

AkramKhanOWTD |

Beleza sen piedade

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Jean Louis Fernandez |

 

Talvez unha das lindes máis fascinantes do ser humano é a que separa a súa capacidade creadora do seu poder de destrución. Precisamente ese é, posiblemente, o elemento máis atraente do espectáculo Outwitting the devil que a Akram Khan Company presentou no marco da décima edición do Festival GUIdance que ata o 16 de febreiro se celebra en Guimarães. Cunha abrumadora proposta de precisión e potencia, o coreógrafo británico de orixe bangladeshí aborda de forma radical o destino da humanidade e a súa fonte infinita de hostilidade: a consciencia de ser mortal.

Cunha danza desapiadada na que combina culturas e xeracións – os seis intérpretes van dos 25 aos 68 anos-, Khan condensa o tempo en escena, apela ás forzas da natureza, dialoga co divino e desprega o eterno. Tomando como punto de partida o poema épico de Gilgamesh, a peza ofrece unha vibrante augaforte escénica onde, a base de sobriedade e claroscuros, revisamos conxuntamente a historia do rei sumerio ao final da súa vida. Nese percorrido que realiza sobre o paso do tempo e a aniquilación da paisaxe, Khan evoca os soños colectivos do pasado e invoca as visión dun porvir eterno; nun retorno infinito.

Canto fúnebre polo destino da humanidade, Outwitting the devil é tamén un canto épico pola súa capacidade de resistencia. Así, entre a violencia e a compaixón, entre o esplendor e a decadencia, entre a acción e a reflexión, a peza desvela a acción do demo común que nos habita e que non é outro que a propia condición efémera da humanidade. Capaz de facer o ben e o mal, de xerar beleza e barbarie a partes iguais, a medida que o espectáculo avanza descubrimos que non hai lugar onde refuxiarse porque en nós está a sombra da propia destrución.

Para a contenda que se libra corpo a corpo, a peza desprega un espazo horizontal no que se evocan todas as ruínas do mundo: as da cidade de Uruk, as da civilización, as da natureza, as ruínas da historia. A el, súmase o gravado sonoro de Vicenzo Lamagna que inunda a mirada de estímulos facendo presente calquera tempo bélico. Entre o túmulo e o leito, entre o achado e o saqueo, entre a natureza e a cultura, Khan constrúe un gravado de melancolías futuras a base de corrosións e lugares sen paz; de tensións estremas onde ecos de corpos antigos e tradicións seculares explotan repletos de imaxes inconmensurables.

“Eu era forte ata a perfección”, afirma desde o seu recordo un Gilgamesh envellecido que repasa os seus tempos de mocidade. Forza e perfección son tamén a que nos presenta a danza ao tempo que nos introduce inermes á tala do bosque de cedros e á destrución da paisaxe nomeada na que ecoa calquera Amazonía. Coa súa voz airada nos corpos, Outwitting the devil clama por conservar o legado, por recuperar e facer emerxer o mundo en lugar de aniquilalo. A súa é unha proposta tan devastadora como catártica e nela eríxese unha e outra vez a mesma pregunta: como pode tanta beleza ser capaz de tanta destrución?


Publicidade

Máis que nunca, Khan fai danza do ritual e ritual da danza e transporta ao público congregado a unha experiencia intensa, visceral e conmovedora ante o seu berro medioambiental e a súa radical humanidade. Con Outwitting the devil fai visible que o corpo é a gran tecnoloxía do ser humano e, con el levado ao estremo, celebra vida antes de que os demos interiores e o destino nos alcancen.

 

Outwitting the devil, Akram Khan Company

Dirección artística e coreografía: Akram Khan
Dramaturxia: Ruth Little
Deseño de luz: Aideem Malone
Deseño visual: Tom Scutt
Partitura orixinal e deseño de son: Vicenzo Lamagna
Figurinos: Kimie Nakano
Escrita: Jordan Tannahill
Dirección de ensaios: Azusa Seyama
Interpretación: Ching-Ying Chien, Jasper Narvez, Dominique Petit, Mythili Prakash, Sam Asa Pratt.

GUIdance, Grande Auditório do Centro Cultural Vila Flor de Guimarães. Sábado, 8 de febreiro de 2020.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

artika |

Concedidas as axudas a salas privadas de artes escénicas

Entelequias

Ensaio aberto en Compostela da última montaxe de Abismo Caracol, ‘Entelequias’