Mestura de códigos
| Laura Porto |
O cadro e ser feliz é, en certo sentido, unha proposta arriscada. Chéganos da man dunha compañía viguesa de nova creación composta por novos profesionais das artes escénicas, Trasluz Teatro, que decide atreverse a pór en escena unha obra orixinal escrita polo seu director, Pablo Carrera, nun panorama teatral no que se castiga a innovación e se ignora aos novos talentos.
Nesta comedia romántica, dous amigos que comparten piso atopan o amor onde menos o buscan coa axuda de circunstancias inesperadas, tolas e mesmo ás veces inexplicables. O ambiente da peza é fortemente cinematográfico, lembrando por veces con forza a Woody Allen e o seu cinismo, mais sen deixar a un lado recursos e personaxes puramente teatrais, destacando aquí Yorch (Aldán Dacosta), autor do cadro misterioso que chega para desestabilizar a vida dos amigos, un personaxe esaxerado, fora de lugar no mundo que o envolve, que claramente contrasta co resto por se comportar noutro código, o da commedia dell’arte.
Malia a mestura de códigos, a presencia de contrastes e xustaposicións, combinados coa profusión de gags e referencias a asuntos de actualidade lévannos a unha construción de corte case televisivo que resulta estraña no seu formato. En certo modo, resulta eloxiable tratar de reunir no teatro os formatos que resultan máis atractivos para o público xeral mais, doutro xeito, produce un sentimento estraño ver que dende as novas xeracións se renuncia á especificidade do espectáculo teatral, tratando de convertir o teatro nunha sorte de evento televisivo ou cine en directo que, sen dúbida, non é o que é.
O cadro e ser feliz de Pablo Carrera
Dirección e dramaturxia: Pablo Carrera
Elenco: Roberto Casal, Pablo Carrera, Uxía Algarra, Aldán Dacosta, Sara Ferro, Irene Tiersen
Escenografía: Vanessa Álvarez e Pablo Carrera
Iluminación e son: Diego Rey e Vanessa Álvarez
Deseño gráfico: Andrea Alonso
Auditorio de Teis, Vigo. 20 de xaneiro de 2017