in

Danza da choiva

elefante |

O didáctico non quita o valente

| Manuel Xestoso |

 

elefante |

 

O adxectivo didáctico aplicado ao teatro familiar tende a meter algo de medo: o pedagóxico adoita afogar o artístico e a instrución utilízase como coartada que xustifica o simplismo. Non é preciso lembrar a Brecht para asegurar que o didáctico non é incompatible coa esixencia pero aceptamos ese empobrecemento do escénico cando o destinatario é o público infantil, como se a educación estética non estivese na cerna da decisión de dedicarlle ás nenas e aos nenos un determinado tipo de espectáculo ou como se abrir as portas da sensibilidade, a reflexión e a empatía non fosen obxectivos fundamentais desas funcións dirixidas aos máis novos.

A compañía Elefante Elegante parece decidida a atopar os códigos que permitan superar esa barreira, buscando estratexias que posibiliten tratar temas complexos sen rebaixar o nivel do discurso. A súa é unha linguaxe que permite falarlles aos adultos ou aos máis cativos con só unha pequena modulación: unha estética que combina o coidado da dimensión plástica, o tratamento coreográfico do movemento e, sobre todo, unha poética de inspiración circense –case chaplinesca– que serve as ironías baixo a enganosa aparencia de amabilidade inocente.

Con estas armas é coas que, en A danza da choiva, a compañía se atreve a tratar o tema do cambio climático. A envoltura, como é habitual, é unha fábula afable na que alternan o lírico e o cómico cun fondo cuxa dureza só se deixa albiscar de forma indirecta. O que en principio semella un conto case costumista vai transformándose nunha parábola sobre as mudanzas que sofre o mundo natural e sobre as aciagas consecuencias que se derivan delas.

O rexistro nunca abandona a sinxeleza narrativa, adobiada con interesantes incursións no teatro de obxectos e nos monicreques que lle outorgan variedade á obra e que potencian a súa capacidade de suxestión. Quizais o relato non avanza sempre con soltura, mais esa multiplicidade de recursos consegue que se esquezan os atrancos na fluidez: introducen pequenas variacións que alixeiran o peso da trama principal e que provocan o sorriso ou a sorpresa.


Publicidade

Talvez a maior deficiencia que se lle poida achacar a este espectáculo sexa, precisamente, que –por momentos– abandone as pautas que fan recoñecible e estimable o estilo de Elefante Elegante. A súa marca de identidade consiste na creación dunha estética alicerzada no visual que prescinde da palabra e, nesta ocasión, existen varias muletas textuais que puntúan a función, como se os creadores perdesen a confianza nos seus propios recursos ou como se se conformasen con solucións fáciles que non se adaptan de todo á súa personalidade. Non é a tónica da representación, pero resulta unha mácula que desloce o conxunto e que formula dúbidas sobre a coherencia interna da montaxe.

Polo demais, A danza da choiva desenvólvese cordialmente, coa vista posta na comedia, sen que iso lle reste entidade ao tema tratado, cuxa transcendencia queda patente nun final valente e arriscado no que o ton inxenuamente optimista non oculta as calamidades que asexan a unha humanidade que se comporta de forma irresponsable coa natureza da que forma parte.

A mensaxe preséntase dun xeito espontáneo, sen subliñados e sen concesións a unha suposta incapacidade da infancia para aprehender asuntos arrevesados. E consegue demostrar que hai modos de trasladar as inquietudes que nos ocupan sen que a idade sexa un obstáculo.

Danza da choiva de Elefante Elegante.

Dramaturxia e dirección: María Torres e Gonçalo Guerreiro.
Elenco: María Torres e Gonçalo Guerreiro.
Coreografías: Ánxela Blanco.
Escenografía: María Torres e Gonçalo Guerreiro.
Deseño de iluminación: Dani Padres.
Música: Manu Panforreteiro.
Vestiario: Marcia Edledtisch.

Tui, Teatro Municipal, 4 de novembro de 2016.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

rgt8990 |

Dobre primavera na erregueté

son 005 |

Son