in

Chola, a it girl

chola a it girl 32 |

Un show rectificado

| Laura Porto |
| Foto: Pablo Nunes |

 
Chola é unha it girl, unha muller icona, mais non unha it girl calquera, senón unha rectificada. O concepto de rectificación que ela manexa, como propietaria que é do seu propio taller mecánico, aseméllase ao tuning dos coches, ou customización para as non entendidas en motores.

Baixo a aparencia dun show que mestura o titorial e o late night tv agóchase unha peza dramática que custa recoñecer, pero que está aí. A construción do personaxe de Chola non é demasiado realista, mais resulta perfectamente crible para as espectadoras. Do mesmo xeito, este personaxe ten os seus conflitos, externos e internos, que moven a peza malia parecer disimulados. Esta aparencia de realidade que se consegue débese a unha comprensión profunda do espectáculo televisivo e, a xulgar pola reacción do auditorio, tamén do seu público.

Os espectáculos e os videoblogs están deseñados para parecer algo bastante afastado do drama. As espectadoras dan por suposto que se trata de alguén real falando desde si mesmo quen presenta, que a través da súa experiencia do mundo trata de entreternos, amosarnos algo ou, expresar as súas emocións. Porén iso non adoita ser así. Tamén nos videoblogs sucede isto, malia que poida parecer estraño porque se trata de persoas aparentemente comúns nun medio global como Internet, é moi habitual atopar blogueiras nas que se percibe que están a interpretar unha personaxe, máis ou menos parecida a elas, en función dos requisitos publicitarios ou de audiencia. Do mesmo xeito xa foron moitas as denuncias públicas e confesións de it girls de que a súa imaxe a través das redes sociais difire en absoluto do seu sentir e ser real, chegando en moitos casos a ver a súa vida esnaquizada a costa da imaxe que proxectaban para o mundo.

E aquí é onde Laura Villaverde crava o trade, creando un personaxe e unha peza baseados na espontaneidade e na aparencia de realidade, lixeireza e alegría agroglamurosa, sendo por completo unha ficción. E é que na vida vemos moitas veces como as cousas que suceden, que nos suceden, serían imposibles de crer nun palco, mentres que as historias do palco nunca suceden na vida malia que poidamos chegar a desexalo.


Publicidade

Chola non é unha muller real por moito que convenza ao auditorio. É unha convención, unha franxa horaria, un construto deseñado para empoderar ás mulleres rurais que a vén desde as butacas. E pode que Chola, se existise máis alá do palco, fose unha muller sufrinte. De seguro se esta muller existise, viviría na loita de manter a coherencia do personaxe que deu en crear. Porque, sexamos sinceras, non é sinxelo (mesmo pode que non sexa posible) ser unha muller despreocupada. Porén, Chola a it girl demostra que é posible parecelo, mimetizarse coa vida facendo un papel e converterse en modelo para o resto malia pertencer a outra esfera. Eis a rectificación do show, así como a de Chola, que malia saberse unha icona global, ten os pés na terra: na súa terra.
 
Chola, a it girl, de ArtesaCía

Interpretación e dramaturxia: Laura Villaverde
Música: Lucía Martínez
Coreografía: Fran Martínez
Videocreación: Roi Fernández
Iluminación: Héctor Pazos

Estrea no Teatro Municipal de Tui. 20 de outubro de 2017.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nievesrodriguez |

Nieves Rodríguez, nova presidenta da AAAG

magacc81n |

XVI Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán