A segunda edición de Titiriberia, único festival do estado especializado nos títeres tradicionais, celebrarase entre o xoves 9 e o domingo 12 de novembro en Teo
O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Teo, celebrará a súa segunda edición entre o xoves 9 e o domingo 12 de novembro. Deste xeito, o festival -que neste ano incremente a súa duración ao desenvolverse ao longo de catro xornadas- coincidirá coa celebración da Feira Cabalar de San Martiño de Calo na Carballeira de Francos, recuperando así esta histórica feira como un espazo para os títeres tradicionais. Con este obxectivo, Titiriberia instalará unha barraca na Feira de Francos o sábado 11 de novembro na que actuarán compañías galegas como Títeres Alakrán ou Seisdedos Marionetas Tradicionais e formacións portugesas como Mãozorra. Así, Titiriberia conectará coa tradición dos titiriteiros europeos que durante séculos percorreron o continente de feira en feira para achegar diversión e espectáculo.
Estas actuacións enmárcanse na programación dun Titiriberia que neste ano contará coa participación de compañías galegas (Títeres Alakrán, Danthea, Viravolta Teatro, Seisdedos Marionetas Tradicionais), portuguesas (Maozorra) ou mestres titiriteiros cataláns (Eudald Ferré) e vascos (Felipe Ganduño). Ademais, o programa desta segunda edición incluíra exposicións, mesas redondas, proxeccións, obradoiros e funcións escolares.
As actividades estenderanse así por diferentes espazos do concello e están dirixidas tanto ao público familiar coma o xeral, incluíndo a todas aquelas persoas que de xeito directo (manipuladores, compañías, distribuidores) ou indirecto (programadores, intérpretes, artistas plásticos, educadores) atopan cos monicreques no seu desenvolvemento profesional.
Titiriberia é o único festival do estado especializado en exclusiva en recuperar e difundir a longa tradición dos títeres tradicionais. Cómpre lembrar que o teatro popular de títeres estivo presente en feiras, festas e prazas das vilas e cidades até ben entrado o século XX e constitúe unha forma de entretemento, educación e comunicación das comunidades antes da irrupción dos medios de comunicación de masas e das transformacións que experimentou a sociedade nas últimas décadas. En Galicia, esta expresión cultural permanece aínda na memoria colectiva das xeracións nacidas antes de 1950, pero corre o perigo de desaparecer.
Morreu o Demo
A Asociación Cultural Morreu o Demo constituíuse a finais de 2012 co propósito de recuperar e dar a coñecer o patrimonio do títere tradicional galego que, ao igual que outras expresións da cultura popular, ficaba no esquecemento. Como eixo principal do seu traballo, está a desenvolver diferentes actividades para recuperar a figura de Barriga Verde, máximo expoñente desta tradición popular no país. Dende 2016, Morreu o Demo organiza o Festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos no concello de Teo.