A viaxe do antiheroe
| Vanesa M. Sotelo |
Alguén confesou nalgunha ocasión que deixara de ir ao teatro porque sufría. O risco de que algo puidese fallar técnica ou humanamente durante a presentación provocáballe unha tensión tan elevada que acabara por abandonar o teatro. Porque sufría. Hai quen pensa que entramos no teatro para fuxir da vida que queda fóra pero o certo é que a vida se manifesta en toda a súa plenitude no seu interior. Precisamente iso, escoita plena e asunción do risco entre quen fai e quen asiste, foi o que sucedeu no último día do Festival Galicreques con Peregrinação, da compañía Lafontana – Formas Animadas.
Peregrinação é o título do libro do século XVII no que, antes da súa morte, o portugués Fernão Mendes Pinto relatou as “moitas e moi estrañas cousas que viu e oíu” durante o seu periplo vital por terras e mares lonxíncuos, dando forma a un dos documentos lusos máis difundidos. Marcelo Lafontana adapta e traduce á linguaxe teatral esta obra a través dunha proposta esixente, sorprendente e empática na que, conxugando teatro e cinema, personaxes e público son transportados por diferentes espazos ao longo do tempo de vida do protagonista. Un dos principais desafíos do espectáculo constitúeo o feito de que sexa construído en tempo real por un único manipulador a través da animación dixital e da materia en directo, demostrando unha destreza técnica e facendo visible o control tecnolóxico que require.
Lafontana concibe un espectáculo híbrido no que, desde o inicio, traslada un gusto pola elaboración e o artificio ao servizo dunha historia coñecida. Co espazo escénico distribuído en dúas partes que proporcionan dous xeitos de ver –a da esquerda do público centra a súa atención sobre o proceso de produción, mentres que a da dereita ofrece a proxección do resultado audiovisual–, a mirada fúndese nunha especie de fascinación distanciada que constata a íntima conexión entre as dúas propostas e a súa complementariedade. Sensación de facilidade, frescura, axilidade e unha alta capacidade de comunicación son algunhas das características que destila esta proposta que achega a figura deste antiheroe do século XVI.
Sabemos que o heroe clásico debe responder á chamada da aventura para regresar transformado á súa cotidianeidade e con unha carga de sabedoría. Sendo así, podemos determinar que o heroe clásico toma as súas propias decisións e, ao facelo, decide sobre o seu presente e o seu futuro. Non obstante, no caso de Mendes Pinto confirmamos que o protagonista non toma as súas decisións senón que é arrastrado polas súas circunstancias, case sempre desfavorables. Deste xeito, en Peregrinação asistimos á viaxe do antiheroe que, desde que é vendido polo seu tío, resiste, persiste e sobrevive a un mundo estraño e descoñecido para regresar coa experiencia de vida como tesouro.
Mais o sino antiheroico de Mendes Pinto acentuouse en Compostela cando, no final da súa vida, a quietude e o silencio inundaron a sala. A quietude do manipulador á espera de confirmar un problema técnico sumouse ao silencio por parte do público, esperando a confirmación de se a interrupción era inesperada ou preparada, como se dun efecto distanciador se tratase. Foi nese momento de espera cando Lafontana tomou entre as mans a figura vella de Mendes Pinto e rematou a súa historia de pé, na intersección entre os dos espazos nos que se funde a mirada. Nesa fusión comprobamos como o risco que teme quen asiste e que asume quen fai se supera como na vida: con escoita sincera e honesta serenidade. Así, se o traballo é rigoroso e a súa concepción está ben medida e formulada como acontece con Peregrinação, os imprevistos acaban por revelar algo fundamental. Neste caso, contribuíu para remarcar a esencia antiheroica de Mendes Pinto ao arrebatarlle o final. E a continuación, sucedeu un sincero e entregado aplauso que recoñecía unha proposta arriscada e resolta, malia o inesperado, con eficacia.
.
Peregrinação, baseado na obra de Fernão Mendes Pinto
Dirección: Marcelo Lafontana
Dramaturxia: José Coutinhas
Escenografía: Silvia Fagundes
Dirección musical: Eduardo Patriarca
Deseño de luz: Pedro Cardoso
Deseño de escenarios e personaxes: Luis Félix e Rebeca das Neves.
Dirección de fotografía: JPedro Martins
Sistema e contidos multimedia: Luís Grifu
Asistencia de dirección: Rita Nova.
Coprodución: Lafontana-Formas Animadas, TNSJ
XXII Festival Galicreques. Teatro Principal de Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2017.