in

Tan lonxe, tão perto

escenagalega e1512490433284 |

Xornadas Culturgal sobre circulación escénica transfronteiriza

| Manuel Xestoso |

As relacións escénicas entre Galiza e Portugal son complicadas dende o principio: a historia do teatro galego comeza con aquel Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, no que, supostamente, galegos e portugueses manteñen un enfrontamento sobre os dereitos de pesca no río. En realidade, a medida que aquela peza inaugural avanza, imos descubrindo que a disputa era máis de clase que de nación, pero a relación quedaba problematizada dende aquela. E talvez as cousas non cambiaron tanto.

As Xornadas de Traballo que Escena Galega organiza por terceiro ano consecutivo no seo do Culturgal, e que se celebraron o pasado venres en Pontevedra, tiveron como obxecto a circulación escénica transfronteiriza entre Galiza e Portugal e a elas acudiron organizacións e estruturas de ambas as dúas beiras do río para facer balanzo das experiencias do pasado e para estudar as estratexias de futuro que poderían mellorar o tránsito escénico entre dous países que, culturalmente, se recoñecen como dúas pólas dun mesmo tronco común.

Acudiron a estas xornadas distintos axentes culturais do sector das artes escénicas, entre os que estaban, por exemplo, o CDG, a MIT de Ribadavia, a Mostra de Teatro Cangas, o Concello de Tui, o Teatro Principal de Ourense, a Deputación da Coruña, a AAAG, o Centro Dramático de Viana, a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, o Instituto Camões, o FITEI do Porto, e compañías como Art’Imagem ou Peripécia Teatro.

Ao longo das mesas redondas e dos debates de traballo, esa identidade cultural e lingüística entendeuse sempre como unha vantaxe indiscutible para mellorar os intercambios e, xa que logo, a gran pregunta segue sendo: por que non existe unha maior permeabilidade entre dúas culturas tan próximas? As respostas son complexas e os impeitizos non sempre doados de sortear pero, á vista do discutido nestas xornadas, case sempre é a política a que está por atrás dos desencontros. Ou a falta de vontade política.

Durante a mañá, lembráronse as múltiplas experiencias de colaboración que se probaron ao longo das últimas décadas, dende aquel xa histórico Teatragal –e o festival que naceu daqueles encontros, o Festeixo– ata os máis recentes Troco x troco e Proxecto Nós. A falta de apoio político e, xa que logo, de continuidade, sinaláronse como as principais eivas que impediron que aqueles ensaios lograsen madurecer e medrar. E o mesmo pode dicirse das diversas colaboracións entre compañías privadas: case sempre resultan enriquecedoras para os seus protagonistas pero nunca son suficientes para crear unha estrutura con entidade abonda para xerar un tránsito sistemático e coordenado.

Neste sentido –e non é a primeira vez que se salienta este punto–, destacouse a enorme desvantaxe que supón para a Galiza a inexistencia dun organismo de proxección cultural exterior equivalente ao Instituto Cervantes español ou ao Instituto Camões portugués: unhas institucións que son quen de planificar e estruturar unha estratexia de exportación cultural con obxectivos e estratexias a medio e longo prazo.

Talvez esta carencia podería suplirse cunha acción de goberno decidida, pero non puido certificarse que existia vontade política para implementala: a diferenza do Ministerio de Cultura portugués –que enviou a unha representante da Direção Regional de Cultura do Norte–, a AGADIC declinou a invitación dos organizadores a asistir a estas mesas de traballo (aínda que si estivo presente Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego).

Como xa vén sendo habitual, aludiuse ao problema lingüístico: os representantes portugueses advertiron da “vontade hexemonizadora” que detectan nos embaixadores da lingua castelá cando se dan este tipo de intercambios transfronteirizos, non só a nivel peninsular, senón tamén en ámbitos máis amplos como o de América Latina. Nas palabras de Gonçalo Amorim, director do Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto, “a relación co castelán debe ser de máxima colaboración, pero en pé de igualdade”.


Publicidade

Noutra orde de cousas, pode ser unha dificultade engadida a diferente filosofía coa que se traballa nos dous países: as estruturas portuguesas adoitan ser asociacións culturais que contan co apoio do goberno, mentres que no Estado Español, as axudas gobernamentais diríxense a empresas culturais. Dito doutra maneira, existe un modelo que ve a cultura como parte da función pública e outro que premia o emprendemento empresarial, o que dá lugar a dificultades administrativas á hora de materializar xurídica e economicamente os intercambios.

E mais a pesar dun prognóstico que non cambiou demasiado nos últimos anos, tamén se sinalaron moitos elementos que permiten abrir as portas ao optimismo. En primeiro lugar, existe un maior consenso político sobre a necesidade de proxectar e expandir o espazo lusófono. Un elemento que, ademais, pode ser reforzado legalmente pola recente aprobación da chamada Lei Paz-Andrade, que ofrece un paraugas xurídico a proxectos desta natureza.

Por outra banda, a experiencia acumulada nos últimos anos, permite afirmar que a ambos lados da fronteira existen estruturas o suficientemente desenvolvidas para fornecer un apoio loxístico completamente profesionalizado ás propostas que se poidan presentar. A este respecto, mesmo se suxeriu que esa experiencia é complementaria, na medida en que os procesos de produción están máis desenvolvidos en Portugal, mentres que os de distribución e exhibición semellan ter unha maior axilidade na Galiza.

Na clausura, deuse unha absoluta unanimidade sobre a necesidade de crear espazos de debate iguais aos que crearon estas xornadas e mesmo houbo compromisos firmes para propiciar citas semellantes en datas próximas.

Escena Galega redactará un documento coas conclusións das xornadas que servirá como soporte para establecer o diálogo con institucións e organismos, coa fin de iniciar procesos que tenten mellorar o estado actual das relacións galaicoportuguesas.

Probablemente, o mellor aliado será o que destacou un dos asistentes ás mesas de traballo: o talento que se pode encontrar nas artes escénicas de ambos lados do Miño.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

gobo1 |

Gobo. Digital Glossary

Secretosusanna |

Unha ópera reúne a Cándido Pazó e o Taller Atlántico Contemporáneo