in

Unha ópera reúne a Cándido Pazó e o Taller Atlántico Contemporáneo

Secretosusanna |
‘Il segreto di Susanna’, de Enrico Golisciani e Ermanno Wolf-Ferrari, estrearase o vindeiro 16 de decembro no Teatro Principal de Santiago. A dirección escénica recae en Pazó, que actuará xunto á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas e o barítono galego Javier Franco. Diego García será o director musical

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) estreará o vindeiro 16 de decembro ás 20.00 horas no Teatro Principal de Santiago a súa segunda produción operística: Il segreto di Susanna (O segredo de Susana). A montaxe reunirá en escena ao Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), ao actor e dramaturgo Cándido Pazó, á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas e ao barítono Javier Franco. A peza conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación da Coruña, como tamén coa colaboración do Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, a través da súa Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social. As entradas xa están á venda e pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira do propio Teatro ou mediante o web de entradas de Abanca.

Deste xeito, Amigos da Ópera de Santiago dálle continuidade á liña de produción que a entidade abriu o ano pasado coa ópera Brundibar e que continúa neste 2017 con Il segreto di Susanna, peza cuxo libreto pertence a Enrico Golisciani mentres que a música está composta por Ermanno Wolf-Ferrari.

Amigos da Ópera volve confiarlle a dirección artística a Cándido Pazó, quen –ademais de interpretar un dos papeis da obra– traballará con dous dos seus colaboradores habituais no ámbito escénico: o recoñecido escenógrafo Carlos Alonso e o reputado iluminador Afonso Castro. O apartado musical correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) que, baixo a dirección musical de Diego García, encargarase da música que acompañará as voces dos xa citados Javier Franco e Clara Jelilohvschi Panas. Os intérpretes que conforman o TAC para esta produción son: James Dahlgren (violín), Nazaret Canosa (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Millán Abeledo (violoncello), Alfonso Morán (contrabaixo) e Nicasio Gradaílle (piano).

Publicidade

Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio novo que reside no noroeste italiano de Piamonte. A moza omitiu comentarlle ao seu recente esposo que tiña o hábito de fumar ás agochadas. Gil, pola súa parte, decátase do cheiro e pensa que a súa esposa lle é infiel. Inquedo, trata de pescala in fraganti desenvolvendo case unha escena de vodevil na que o seu mordomo, Sante, cómplice de Susana, xogará un papel fundamental. A peza, polo tanto, xira ao redor da intimidade, os segredos, o vicio e os celos, aínda que abordados de xeito inxenuo e sinxelo.

Amigos da Ópera de Santiago

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) constitúe unha entidade sen ánimo de lucro que actúa en Santiago de Compostela e no seu ámbito comarcal. As súas finalidades son o cultivo e o fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e un maior coñecemento da mesma.

Para desenvolver estes obxectivos, a ADOC adoita organizar as seguintes actividades: representacións de ópera, concertos, conferencias, cursos, exposicións, proxeccións e todas aquelas que podan estar relacionadas cos obxectivos da Asociación. Dende a súa creación en 2012, a Amigos da Ópera de Santiago de Compostela foi gañando repercusión e presenza grazas ás diferentes actividades que está a desenvolver, principalmente a organización do Ciclo Lied de Santiago ou a produción de óperas como Brundibár.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

escenagalega |

Tan lonxe, tão perto

Candinsky |

Os cans non comprenden a Kandinsky