Un total de 32 espectáculos e máis de 400 profesionais concorren aos XXII Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa creación en 1997. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 8 de xaneiro rexistrando unha gran participación Estas montaxes postúlanse nas catorce categorías que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.
Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as personas nomeadas en edicións anteriores. Esta primeira rolda de votacións rematará o 12 febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro na tradicional Festa dos/as Nomeados/as dos María Casares, que se celebrará en Santiago o vindeiro 21 de febreiro.
Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Este ano, a gala de entrega dos galardóns celebrarse o mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
A relación de espectáculos que optan aos premios é a seguinte:
- 6 cubos negros en corpo branco, de Aporía Escénica
- A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas
- A canción do elefante, de Redrum Teatro
- A galiña azul, de Tanxarina
- A noiva de don Quixote, de Eme2 producións
- Agora en serio, de Osdous Ardebullo
- AguraTrat, de Pérez&Fernández
- Animais de Compañía, de Teatro do Noroeste
- Castrapo, de Os náufragos
- Chuvia, de Anómico Teatro
- Cranios Privilexiados ou a crítica da razón perralleira, de Mofa e Befa
- Desconexión, de Xurxo Cortázar
- Ela, de Caramuxo Teatro
- Elisa e Marcela, de A Panadaría
- Estado de graza, de Teatro do Noroeste
- Fillos do Sol, de Contraproducións
- House (desaforado), de Teatro do Morcego
- Judy Garland (alén do Arco da Vella), de aAntena
- Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego
- Memorias dun Ser Humano Disperso (versión 7.0), de Producións Dispersas
- Muiñada, de Galeatro
- Na butaca. Fantasía n3 en Dor Maior, de ButacaZero
- Nacidas libres, de Contraproducións
- O Rei morre, de Sarabela Teatro
- Os límites do frío, de CoTeatro
- Outono, de PistaCatro
- Pum pum!, de Baobab Teatro
- Resaca, de ilMaquinario
- Salvador, de Cía. Borja Fernández
- Soño dunha noite verán, de Voadora
- Tropical, de Elefante Elegante
- Ubú Rei, de Talía Teatro