in

Pablo Fidalgo Lareo, comisario de Escenas do Cambio

Pablo Fidalgo 1 ©A. Area 1 |
Pasou a primeira semana de Escenas do cambio e invitamos a Pablo Lareo Fidalgo, o comisario desta mostra, a debullar algunhas das claves do que vimos ata o de agora e a adiantarnos algo do que veremos no que resta do festival. | Foto: A. Area |

Por que a disidencia como fío condutor do festival?

A disidencia ven definida desde a palabra desacordo ou disconformidade. Ten que ver coa necesidade de sacar á luz outras formas de vida, outras realidades, posturas firmes contra os conflictos sociais e políticos que se viven nalgunhas partes do mundo. As ideas operan nun lugar, pero os corpos, as voces e os xestos viven e aparecen noutro ámbito. Sucede algo importante cando se recoñece nalgúns artistas esa liberdade radical coa que cantan Mursego ou María Arnal, ou coa que bailan Estela Lloves ou Mithkal Alzghair. Interesame esa disidencia que é primeiro física e despois transfórmase en idea.

Xa na metade de festival, parece claro que o programa reflicte esa tendencia a mesturar ficción e realidade, como se a ficción en si mesma non fose quen de dar resposta ás preguntas máis perentorias que formula a actualidade. Cal é hoxe o lugar da ficción?

O único que parece claro é que hai un cansanzo xeral da ficción pura. Pero tamén son crítico co boom da autoficción e do documental. Eu creo que sobre todo a propia vida pode ser unha ferramenta, é un material, un punto de partida. Neste festival por exemplo está Finir en beauté, que para min está no limite do que pode ser unha peza autobiográfica. Pero aquí non hai formulas ou formatos para copiar. Creo que o importante é o panorama que ofrecemos, e por suposto, a formación e os encontros que se dan cada ano no festival, o que sucede arredor do programa.

Nesta edición, existe unha maior variedade nos escenarios nos que se desenvolve o festival. Responde iso a unha vocación de transformar a experiencia escénica?

A verdade é que xa o ano pasado traballamos en escenarios diferentes, tanto na Cidade da Cultura como fóra dela. O que ten este festival, creo eu, é unha infinita capacidade de adaptación. Persoalmente, a experiencia de ver bailar a Israel Galván a un metro da xente, na Biblioteca de Cidade da Cultura, foi unha das experiencias máis belas que tiven en moito tempo vendo teatro e danza. Se pensa, se fan probas e se deixa algo de espacio á intuición e ás veces, de súpeto, acontece a milagre.

En relación con isto último, queda sitio para iso que se deu en chamar o “postespectacular”. Queda sitio para a reflexión na sociedade do espectáculo?


Publicidade

Non son un teórico, non quero selo. Teatro posdramático, postespectacular ou Xeración do 27, da igual… O importante é seguir lendo os libros de Guy Debord e ser capaz de ver as súas marabillosas películas sen durmirse. Cal é a sociedade do espectáculo? Pensas que Guy Debord tería chamado así a este mundo no que estamos agora? Eu creo que tería sido moito máis duro do que xa foi. De calquera modo, Escenas do cambio debería ser un foco de resistencia, un lugar para aproximarse a vidas e palabras únicas e verdadeiras.

No seu texto introdutorio ao programa, hai algunha alusión ao exceso no discurso e a prevalencia da experiencia artística sobre a teoría (coma na peza Una tirada de dados). Pero ao mesmo tempo, moitas das pezas contemporáneas semellan querer integrar o comentario no propio corpo da obra. Unha resposta á falta de pensamento crítico sobre a creación?

En todo isto que vou dicindo é claro que me interesa o exceso, a experiencia case física sobre o mental. O que están demostrando moitos artistas hoxe, é que é posible vivir e expresarse con esa intensidade, desde o extremo, e á vez ser capaz de pensar e ter un discurso sobre o creado. María Arnal ou Israel Galván son exemplos moi claros. Entón, o que eu me pregunto sempre é en que momento se perdeu esa verdade na creación.

Hai xente que vén facendo un traballo moi importante nese sentido, reescribindo a historia cultural española, colocando o flamenco no seu lugar, como Pedro G Romero. Para min hai un fio conductor de Juan de la Cruz a Cernuda, de Valente a Novoneyra, de Vicente Escudero a Rafael Chirbes, de Israel Galván a Rosalía…

Que podemos esperar da segunda semana do festival? Que destacaría do que aínda queda de programa?

Destacaría a posibilidade de ver tres pezas estreadas hai xa algún tempo de artistas que nunca estiveron en Galiza, como Miguel Pereira ou Xavier Le Roy. Estela Lloves é das mellores bailarinas deste país, un animal libre, toda a xente debería ver bailar a Estela polo menos unha vez na vida. De María Arnal xa falei antes, entradas case esgotadas, para min Canción total ou Tu que vienes a rondarme son ou serán himnos da miña xeración. A peza de Edurne Rubio tamén é unha desas experiencias sinxelas, un susurro na oscuridade, un descenso á cova que me fai pensar naquela frase fermosa de Berger. “Pintamos as primeiras representacións animais co sangue dos animais representados. Ningunha imaxe pode esquecer esa orixe.…”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aladino2 |

Aladino e a lámpada marabillosa (O musical)

RED |

Concurso de teatro infantil convocado pola A. C. O Facho