in

Teatro do Noroeste, premio Adolfo Marsillach da ADE

glasscity1 |

O 5 de febreiro de 2018, no Teatro da Comedia de Madrid, a sede da Compañía Nacional de Teatro Clásico, tivo lugar a Entrega dos Premios ADE 2017, convocados pola Asociación de Directores de Escena de España. Trátase da XXXI edición destes premios, que se outorga anualmente mediante votación dos asociados da ADE.

Entre os premios entregados o Premio “Adolfo Marsillach” a un labor teatral significativo recoñeceu a extensa traxectoria da compañía Teatro do Noroeste, con trinta anos de actividade e unha ampla diversidade de propostas escénicas. Teatro do Noroeste, que celebrou o seu trinta aniversario ao longo de 2017 a través de diferentes actividades, suma así este galardón a unha xa longa lista de recoñecementos.

Por outra banda, Alfredo Sanzol alzouse co Premio de Dirección polo seu espectáculo La Ternura. Os premios de vestiario e iluminación foron respectivamente para Gabriela Salaverri e Juanjo Llorens polo seu traballo en Los Gondra, mentres que o galardón de escenografía recaeu, por terceiro ano consecutivo, en Curt Allen Wilmer, esta vez pola súa creación para La cocina.

Tamén se entregou o Premio de Honra da ADE, que en esta ocasión foi para Feliu Formosa, cuxa excelencia como tradutor verteu ao catalán e ao castelán obras de autores como Brecht, Dürrenmatt, Schnitzler e Lessing entre outros. E o Premio “José Luis Alonso” para novos directores emerxentes foi para Patricia Benedicto, polo seu espectáculo Moscú (3.442 kms).


Publicidade

Pola súa banda, o investigador e crítico José Gabriel López Antuñano gañou o premio para Estudios teatrais con La escena del siglo XXI, un volume que recorre e analiza as liñas do teatro internacional contemporáneo; e o de Tradución teatral foi para Ignacio García Maio pola que levou a cabo co traballo de Orson Welles Moby Dick, un ensaio.

As Medallas da ADE foron este ano para os directores de escena Javier Sabadíe, Rosa Briones e o moi recentemente morto Gustavo Tambascio, cuxa ausencia tinguiu de maior emoción a noite e moitas das intervencións dos premiados. As Tarascas da ADE, destinadas a recoñecer o labor prestado á Asociación, foron para os directores Raúl Arbeloa, Susana Egea e Xosé Manuel Rabón.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CertameRVB |

Nace o I Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño

titerentroido |

Os contos tradicionais cítanse en Titerentroido