in

Cangas acolle a estrea de ‘Eila’, de Incendiaria

CartelEila |
O Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo acolle o próximo sábado 17 de febreiro a estrea de Eila, un espectáculo de Incendiaria.

 

Nacida de poemas de Rosalía de Castro, Eila propón unha peza híbrida na que o movemento, a música e a palabra se funden coa intención de abordar a cuestión da construción da identidade, desvelar as voces anónimas que nos habitan e rescatar os referentes que nos envolven. O resultado é un tableau vivant no que a tradición e a contemporaneidade se combinan creando un mundo con leis propias no que se desvela o legado invisible que nos conforma e dá sentido.

 

Publicidade

Sinopse

Unha obra de arte anónima esperta nun almacén esquecido. Quen é? A quen pertence? Cal é a súa memoria? Cal é a súa intimidade? A partir da obra de Rosalía de Castro e do pintor Ovidio Murguía, fillo da poeta, Eila ofrece un espectáculo asociativo onde a mirada traduce a paisaxe e a paisaxe inflúe sobre a propia mirada. Nunha dramaturxia visual que non renuncia ao xogo coa palabra, Eila fai visible o enigma que estivo ante os nosos ollos e que non conseguimos ver. Eis a. Eila.

 

Equipo

Vanesa Sotelo asina a dirección e a dramaturxia este espectáculo unipersoal que interpreta Davide González, encargado de compoñer tamén os oito temas orixinais que lle dan forma. O proxecto completa o seu equipo con Lucía Estévez na creación audiovisual e Raúl Giraldo na iluminación.

Davide González é o encargado da composición musical e a interpretación en Eila. Licenciado en Interpretación Xestual pola ESAD de Galicia, González combina o seu traballo como músico e actor en compañías como Baobab (Pum pum), Il Maquinario (cover para Resaca) ou o Centro Dramático Galego (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas). De igual modo, como compositor combina o seu traballo tanto para proxectos do audiovisual como propostas escénicas como Muiñada, de Galeteatro, para a que tamén asumiu a dirección en 2017.

Vanesa Sotelo é a encargada da dirección e a dramaturxia de Eila. Entre os seus proxectos como dramaturga é preciso sinalar o traballo realizado como dramaturga residente para o Centro Dramático Galego co-escrita de Estigma, ou os premios acadados con pezas como Indoor (Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico), Memoria do incendio (XIII Premi Josep Robrenyo), Campo de covardes (Premio Abrente) ou a súa selección dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con Nome:Bonita. Por outra banda, como actriz e directora os seus traballos foron presentados en diferentes festivais internacionais de Galicia e Latinoamérica.

Lucía Estévez é a encargada da creación audiovisual en Eila. Despois de cursar o Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e en Porto, Estévez escribe e dirixe pezas de distinto formato e experimenta cos temas que rematarán por converterse na columna vertebral do seu traballo: a infancia e a familia. Entre os diferentes traballos realizados destaca Volver allí (seleccionado no catálogo Shorts From Galicia 2017), ao tempo que experimenta co corpo e a natureza en pezas como Change that tune (videodanza) ou Naufraxio (videocreación).

A estrea no Auditorio Municipal de Cangas o sábado 17 de febreiro é ás 21.00 horas. O prezo da entrada é de 8 euros.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

garage2 |

Garage

Sócrates © Bruno Simão |

Díptico de Mickaël de Oliveira en Guimarães