in

Teatro do Atlántico leva a poesía á escena no seu novo espectáculo

abrente |

Baixo o título De abrentes e ocasos, Teatro do Atlántico presenta un recital dramático de poesía galega contemporánea, escolleita e trabada segundo o motivo fundamental da reivindicación da lingua, da súa riqueza e da súa capacidade para a expresión tanto dos grandes problemas da condición humana como das esixencias e inquedanzas da actualidade. O espectáculo estrearase o 2 de marzo en Arteixo, no marco do programa “Marzo en verso”, organizado polo Concello.

Os interpretes desta nova montaxe da compañía serán María Barcala, Aleixandre Lago e Xúlio Lago, acompañados da música en directo de Nani García.

Con recurso á voz, ao corpo e mais á musica, preténdese dar eco á palabra poética na lingua na que foi creada; e, compartíndoa deste xeito, abrir un espazo para a comunicación de emoción, reflexión, e beleza. Desde o eido da poesía aparecen e ocupan o seu lugar o amor, a morte, a relación coa terra e a paisaxe, co campo e coa cidade; a loita social, a igualdade de xénero, a dura travesía dos expatriados; a guerra…..; cuestións que esixen ser abordadas desde o horizonte de Galicia e da lingua galega.

Nesta intensa e emotiva viaxe, Teatro do Atlántico faise acompañar da palabra de ao redor de vinte poetas: Uxío Novoneyra, Marta Dacosta, Fiz Vergara Vilariño, Olalla Cociña, Inma L. Silva, Eduardo Blanco Amor, Salvador García Bodaño, Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Luísa Villalta, Sophia de Mello, Eduard Velasco, Xúlio L. Valcárcel, Antía Otero, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Eva Veiga, Antón Avilés de Taramancos, Maria Xosé Queizán, e María Victoria Moreno.


Publicidade

O obxectivo é que “a transmisión da palabra destes autores poida materializarse en diferentes espazos públicos, sexa o escenario, a biblioteca ou a aula”.

A compañía confesa que aborda con emoción esta necesaria viaxe pola poesía galega contemporánea, que supón a produción número 33 de Teatro do Atlántico desde a súa fundación no ano 1985. Trátase da quinta ocasión na que a voz dos poetas se erixe no soporte principal da súa proposta. As anteriores, que seguiron uns principios semellantes, modulados segundo cada circunstancia, foron: Eu, Gulliver Ferreiro (1988), Seis poemas galegos (1998); Ecos e voces dun tempo e dun país (2002) e Memoria do 36: da República á Guerra Civil (2005).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bicos2 0 |

“Lingua á Escena”, un programa destinado a promover o uso do galego

Daniel Abreu

Comeza o festival Isto Ferve no Teatro Ensalle de Vigo