in

En solidariedade con Carlos Santiago

Carlossantiago |

A recente campaña de acoso e ameazas ao dramaturgo Carlos Santiago é vista por quen facemos a erregueté – Revista Galega de Teatro como un intolerable atentado á liberdade de expresión e un elo máis na vaga de ataques á liberdade creativa que vimos sufrindo nos últimos tempos, vaga cuxo fin último non é outro que criminalizar a disidencia.

Dende a erregueté queremos expresar a nosa solidariedade con Carlos Santiago e subscribimos os comunicados de apoio da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e da asociación DramaturGA, que reproducimos a continuación.

“Que tempos serán os que vivimos que hai que defender o obvio!”

 

 

Pola defensa da liberdade de creación

Desde a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) queremos manifestar a nosa absoluta repulsa ás anacrónicas críticas que se lle están a facer ao dramaturgo galego Carlos Santiago e ao pregón co que inaugurou o Antroido de Santiago de Compostela. Expresamos o noso apoio total ao autor e á liberdade de expresión. Resulta insólito, casposo e ridículo que, aínda hoxe, haxa quen pense que  é delito facer humor.

A MITCFC quere poñer a súa longa experiencia de 35 anos de Humor a disposición das persoas que pensan que a ficción ten que adaptarse ao seu particular e restrinxido gusto, así que xenerosamente, pasamos a ilustrar as súas mentes para que poidan aprendan a rebaixar o seu sentimento de ofensa.

O humor é un código, unha convención creada e pactada pola sociedade para analizar a realidade, para criticala, deformala, contestala ou ridiculizala. Un código que nos permite facer ou padecer as críticas máis descarnadas sen que o sangue chegue ao río, teñamos o sangue vermello, amarelo ou azul.

O Antroido é a máxima expresión festiva desa liberdade, imprescindible e saudable, da que nos dotamos as sociedades avanzadas e democráticas para mellor vivir. De facer caso a estas insólitas opinións, teriamos que cuestionar, tamén, unha boa parte do cine norteamericano por violento, bélico,  sexista e facer apoloxía do terrorismo. E, xa de paso, podemos prescindir dos textos de autores clave da nosa cultura como Aristófanes, Shakespeare, Molière, Emilia Pardo Bazán, Bertolt Brecht, Valle-Inclán, Albert Camus, Dorotea Bárcena, Harold Pinter, Roberto Vidal-Bolaño, Sarah Kane,  Samuel Beckett,  Franca Rame e Darío Fo ou Sor Juana Inés de la Cruz.

Na MITCF de Cangas defendemos con rotundidade a liberdade de creación e expresión e hoxe, moi especialmente, a do dramaturgo Carlos Santiago.

MITCF de Cangas, 16 febreiro 2018

 


Publicidade

 

Manifesto de apoio da dramaturxia galega a Carlos Santiago

Desde a asociación DramaturGa queremos manifestar o noso apoio ao compañeiro Carlos Santiago ante os ataques dos que está a ser obxecto despois da súa actuación no pregón do Entroido de Santiago de Compostela.

Rexeitamos a terxiversación que das súas palabras se está a facer, así como o acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación tanto dixitais, como audiovisuais ou en papel, en defensa dun suposto respecto aos sentimentos, que ten como resultado un inxustificable ataque violento á súa persoa e á súa dignidade como traballador do humor e da dramaturxia.

Queremos lembrar, ademais, que o Entroido é, desde a noite dos tempos, un espazo temporal e mental no que a farsa e a sátira son artefactos pacíficos utilizados contra os poderes establecidos: o momento de subversión dos roles sociais e de transgresión momentánea das convencións morais e normativas cuxos principais ingredientes son a ficción e o humor sincretizados no uso sempre provocativo do disfraz, ou sexa, do teatro, ou sexa, da ficción.

Dentro do humor, polo tanto dentro da ficción, todo é posible e todo está permitido, sobre todo cando non está en xogo a dignidade de ningún ser humano.

Non podemos tolerar, pois, a estas alturas da Historia do desenvolvemento humano, o mantemento da vaga represiva que, ano tras ano, está a poñer en tela de xuizo liberdades existentes en tempos (supostamente) xa superados. Non podemos tolerar que a Igrexa e certos medios de comunicación se alíen para intentar censurar contidos humorísticos nunha evidente estratexia de manipulación mediática con fins espúreos.

Os sentimentos nin se ofenden nin se defenden, séntense.

Como traballadoras da palabra – e coa palabra – reivindicamos o noso dereito á expresión libre e manifestamos a nosa solidariedade con Carlos Santiago, apoiando sen fisuras o pregón que foi dado con motivo do Entroido e condenando con rotundidade a agresión da que é obxecto.

Pola defensa da liberdade de expresión, polo respecto á dignidade da creación artística. A ficción non se escraviza. O Entroido non se civiliza. O humor non se toca.
Son sagrados!

Asociación de dramaturgas e dramaturgos de Galicia. 17 de febreiro do 2018.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Colon16feb |

A Deputación cede ao Concello da Coruña a xestión do Teatro Colón

4074 |

Ourense estrea ‘Sénior’, comedia sobre a crise dos cincuenta