A MIT de Ribadavia convoca a nova edición do Premio Abrente para textos teatrais, cunha dotación de 3.500 euros. A resolución da obra gañadora darase a coñecer no marco da 34ª edición do festival, que terá lugar entre os días 14-22 de xullo de 2018.
O Premio Abrente, como se demostra coa obra dalgunhas autoras e autores premiados en edicións anteriores, como Vanesa Sotelo, Fran Godón, Roi Vidal, Esther Carrodeguas, Ernesto Is, etc., é unha plataforma de referencia da nova xeración de dramaturgas e dramaturgos de Galicia, así como da escrita teatral máis veterana que aposta pola apertura de novas linguaxes e códigos expresivos para a escena.
A edición dos textos na colección teatral da editorial Difusora forma parte do obxectivo marcado pola MIT de divulgar e impulsar o coñecemento e a lectura de teatro entre todas as capas da sociedade. Deste xeito, a MIT está a organizar unha serie de actividades en torno ao Día Mundial do Teatro para presentar a edición dos anteriores textos gañadores.
O prazo para a presentación de orixinais remata o día 22 de xuño de 2018 e deberán axustarse ás seguintes bases:
13º PREMIO ABRENTE DE TEXTOS TEATRAIS
Coa intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle outorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969-1983), o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT) convoca, en lembranza daqueles “Concursos de Textos Teatrais”, a 13ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2018, de acordo coas seguintes bases:
1ª REQUISITOS
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita na normativa oficial da lingua galega.
2ª PREMIOS
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.500 euros e a edición da obra gañadora.
O Concello reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e entregará ao gañador/a un total de vinte exemplares. Igualmente, o Concello poderá promover, a través da Mostra Internacional de Teatro, a produción para a escenificación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor/a.
En calquera montaxe que se faga da obra gañadora farase constar, necesariamente, tanto no programa, cartel, publicidade, etc., a mención expresa “PREMIO ABRENTE DE TEATRO. MIT RIBADAVIA 2018”.
3ª PRESENTACIÓN DOS ORIXINAIS
As obras serán de tema e extensión libre e presentaranse por triplicado, mecanografadas a dobre espazo, en tamaño DIN A4, fonte de letra Times New Roman, por unha soa cara e coas follas numeradas, grampadas ou encadernadas.
Os orixinais presentaranse baixo o título e un lema ou pseudónimo, acompañados dunha plica onde deberá figurar, no exterior, o título e o lema ou pseudónimo e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico.
4ª PRAZO E LUGAR DE ADMISIÓN
O prazo de admisión de orixinais remata o día 22 de xuño de 2018 e deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n, C.P. 32400, Ribadavia, Ourense
Deberase indicar no exterior do sobre “13º Premio Abrente para Textos Teatrais, 2018”
5ª XURADO
O xurado presidirao o Alcalde de Ribadavia ou persoa en quen delegue e formarán parte del: a Concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, o Director da Mostra Internacional de Teatro e tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. O nomeamento do xurado farao o Alcalde e actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa intención de que se poidan interpor, se fose o caso, as alegacións pertinentes.
6ª COMUNICACIÓN DO DITAME
O xurado actuará en sesión única, sendo precisa a asistencia de dous terzos dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A obra gañadora será escolleita entre dúas obras finalistas, sendo a gañadora a que obteña un mínimo de catro votos. A plica correspondente á obra finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado se se considera oportuno para que, se o autor/a o permite, se dea a coñecer de maneira pública. O veredito do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Ribadavia, que é o órgano competente para resolver o premio.
A decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2018, no contexto da XXXVI edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
7ª RETIRADA DE ORIXINAIS NON PREMIADOS
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias do Concello de Ribadavia no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados nun prazo de dous anos pasarán a formar parte dos fondos do Concello, previa destrución das plicas que conteñen os datos persoais dos concursantes.
8ª ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.