O Festival Atlántica rematou este mércores a súa sexta edición reafirmándose na súa vontade de ir cara a un encontro cada vez máis inclusivo e consolidando a fórmula de festival multisede que inaugurou o ano pasado. Así, 5491 espectadores dos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Ferrol, Lalín, Teo e Pazos de Borbén puideron gozar cos 52 espectáculos que ofreceron os 25 artistas convidados.
Como en edicións previas, o festival volveu facer fincapé na programación infantil, un esforzo que se materializou nas numerosas funcións en centros de ensino e mesmo en actividades novas como a suite narrada no Teatro Principal, na que participou a Banda Municipal de Música de Santiago. Pero fiel ao espírito inclusivo do festival, houbo tamén funcións para bebés, mocidade e público adulto e mais sesións en lingua de signos.
Na súa mensaxe de agradecemento, Soledad Felloza, a directora do Atlántica, salienta a pluralidade de voces e acentos que navegaron polo Atlántica 2018 “cun denominador común: contar para facer un mundo mellor”. Tras lles dar as grazas a todas as persoas e institucións que fan posible o festival, Felloza ten tamén unha mención especial para o recoñecemento que inclúe o Atlántica no Banco de Boas Prácticas en Xestión Cultural e remata lembrando que nesta edición a Cornamusa de Honra lle foi entregada a Quico Cadaval “por ser o noso faroleiro maior”.