in ,

O Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo celebra a súa novena edición

INCENDIOS 2 3 |

| Foto: Incendios, da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas, un dos doce colectivos participantes. Iago Costas |

 

O Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) prepara a súa novena edición que se desenvolverá todos os martes entre o 3 de abril e o 12 de xuño no Auditorio Municipal de Cangas. Organizado pola Asociación Cultural A Cepa e a editora da erregueté –a Asociación Cultural Entre Bambalinas-, o ciclo volve presentarse como unha das citas importantes da primavera teatral morracense e un escaparate imprescindible para achegarse á gran variedade de teatro de base que existe na comarca.

Máis de 180 actores e actrices subirán ás táboas do Auditorio de Cangas cos doce grupos participantes ao longo de once semanas de programación. O actor Adrián Ríos será o encargado de dar o pregón inaugural o día 3 de abril ás 20.00 horas. Aínda que ese mesmo día tiña prevista a actuación como grupo convidado os pontevedreses Avelaíña Teatro, por motivos de saúde dun dos actores esta actuación foi cancelada e a organización busca confirmar un novo espectáculo para a apertura.

O 10 de abril será a quenda para teatro aberto con Mulleres de mar tendida  con dirección e dramaturxia de Xoán Carlos Riobó, seguida da peza Love me tender. Escenas de microteatro, que chegará da man de DOA. Furafollas Teatro. O 17 de abril, os actores e actrices da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas presentarán o espectáculo Incendios, de Wajdi Mouawad con dirección de Casilda Alfaro. De igual xeito, o 24 de abril o colectivo Os Deslinguados levan a escena O fillo do rei, unha adaptación de Los tres pelos del diablo, dos irmáns Grimm.


Publicidade

Os fillos do Capitán Nemo achegarán o día 1 de maio Akelarre Nacional, de Diego González Domínguez con dirección de Rosi Figueroa. O 8 de maio, o grupo A Réplika de María formada por integrantes do IES de Rodeira e o IES María Soliño presentarán ante o público morracense Arredor de ti, de Xoán Carlos Riobó. Continuando co espazo dedicado ao teatro escolar, o 15 de maio subirán ás táboas Comediantes Anónimos do IES Johan Carballeira con VODkAVIL, unha adaptación de textos de Paula Carballeira e María Armesto con dirección de Fran Paredes e Rosa Domínguez, mentres a segunda sesión desta xornada estará protagonizada polo grupo de teatro do IES As Barxas coa creación colectiva Fobofobias.

O 22 de maio Dramátic@s de IES A Paralaia presentan Comedia bífida de Núñez Singala coa dirección e adaptación de Lucía Iglesias seguidos do Colexio Eduardo Pondal coa presentación de A illa amarela, de Paloma Pedrero baixo a dirección e a adaptación de J. Ángel Currás. O 29 de maio a Asociación Cultural e Folclórica Charaviscas presenta Bichería, de Pedro Pablo Riobó baixo a dirección de Iria Piñeiro. En xuño, o día 5 sube a escena a Asociación de Mulleres de Moaña con As idades e eva, a partir de textos de varios autores e dirección e dramaturxia de Antía Costas. A clausura terá lugar o 12 de xuño co colectivo Mar Aberto e o seus Ollos sobre o mar, unha adaptación musical de Mal de ollo, de Cándido A. González baixo a dirección de Zé Paredes e Mónica Camaño.

Xunto coa vertente da exhibición, o CITEAMOR reserva cada ano un espazo para a formación, algo que fomenta o intercambio entre os participantes. Para este ano os cursos ofertados son o de “Creatividade corporal. O movemento consciente e libre”, impartido por Maite Campos entre o 19 e o 26 de maio e o curso de “Iniciación á técnica de iluminación teatral”, impartido por Salvador del Río os días 11 e 12 de abril.

Esta edición, as sesións no Auditorio estarán acompañadas por unha exposición de libros e publicacións pertencentes ao Fondo Teatral María Casares coa intención de dar coñecemento e visibilidade a un dos fondos máis importantes sobre artes escénicas que existe en Galicia e que se atopa na Biblioteca Municipal Central de Cangas do Morrazo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

todosobreeva4 |

Presentado o volume que recolle os textos gañadores do Premio Abrente 2016

Academia8 |

A Academia Galega de Teatro preséntase cunha proposta de reestruturación do sector