A nova entidade organizará un Congreso do Teatro Galego en 2020 co fin de “estruturar teatralmente Galicia”, elaborar un diagnóstico da situación e elaborar un plan estratéxico que permita intervir no sistema de xeito eficiente ao longo da década 2020-2030.
| Manuel Xestoso |
| Foto: Chiripa Producións |

 

O Día Mundial do Teatro foi a data escollida para presentar publicamente a Academia Galega de Teatro, nun acto que se celebrou no salón de actos do Consello da Cultura Galega. A Academia, constituída o pasado mes de outubro en Rianxo por un grupo de 17 persoas vinculadas ao mundo do teatro profesional, responde á necesidade –segundo explicou o seu vicepresidente, Eduardo Alonso– de crear un espazo de debate e reflexión sobre o teatro que supere o ámbito das asociacións de carácter profesional –máis centradas en superar os problemas e atrancos do día a día– , unha ferramenta que posibilite a creación dun corpus doutrinal e a comunicación pausada coa sociedade galega.

Na actualidade, a Academia conta con 28 membros pero o número incrementarase proximamente nas próximas semanas, xa que o obxectivo é incluír a persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados coas artes escénicas sen exclusións de ningún tipo.

A presidenta da nova Academia, Imma António, explicou que a súa fundación en Rianxo explícase polo profundo respecto pola tradición –“a carón de Dieste, de Castelao, de Manuel Antonio e da compañía máis veterana de Galicia: Teatro Airiños”–, pero coa mirada posta no futuro, co obxectivo de estimular na sociedade o amor polo teatro e de poñer en valor a súa relevancia social. Neste sentido, António salientou a validez do teatro como elemento identitario que contribúe a “facer país”. O teatro debe ser considerado como un sistema –dixo– no que podemos e debemos intervir.

 

Un programa de reestruturación do sector

A Academia preséntase cun programa de vinte e un puntos básicos que visan a que o teatro sexa considerado como un servizo público. Luma Gómez foi a encargada de debullar ese programa, dirixido na súa meirande parte ás institucións públicas e que inclúe propostas históricas do sector como a autonomía xurídica do Centro Dramático Galego, a adscrición da ESAD Galicia ao sistema universitario, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a creación dun Centro de Documentación Teatral, a posta en marcha dun Festival Internacional de Teatro nalgunha das cidades de Galicia ou a creación dun circuíto de exhibición que permita o intercambio continuado con Portugal.

A Academia Galega de Teatro propón, igualmente, a reestruturación –e mesmo a reconsideración– da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), por considerar que talvez non representa o modelo de xestión que precisa o teatro galego. En palabras de Eduardo Alonso, trátase de cambiar a perspectiva puramente mercantil dende a que se contempla agora a cultura. Dende a Academia cren que estas medidas deberían ir implementándose a partir do ano 2020.

 

Congreso do Teatro Galego

Como proposta máis inmediata, Antonio Simón presentou o proxecto de organizar un gran Congreso do Teatro Galego, que se celebrará no ano 2020. Unha comisión integrada polo propio Simón, xunto a Gustavo Pernas,Miguel Pernas e Manuel Guede está xa a traballar para artellar un evento que teña como fin “estruturar teatralmente Galicia”: elaborar un diagnóstico da situación e elaborar un plan estratéxico que permita intervir no sistema de xeito eficiente ao longo da década 2020-2030.

Simón destacou que moitas das reivindicacións históricas do sector das artes escénicas permanecen vixentes despois de moitos anos de reivindicación continuada e que, nalgúns aspectos, non se fixo nada para mellorar a situación de hai vinte ou trinta anos.

A Academia fixo unha invitación ao resto de institucións e organizacións relacionadas co teatro, e coa cultura en xeral, para que se impliquen na organización dun congreso que busca cambiar unha realidade claramente deficitaria en canto ao estado das artes escénicas, como demostra o informe presentado hai só uns días polo Consello da Cultura Galega no que se lle solicita á Xunta “unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector” cultural.

 

Os 21 puntos básicos presentados pola Academia 

Entrevista a Imma António, presidenta da AGT 

 

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos