in

Notas dende Galicia Escena Pro 2018: día 2

SalvadorGEP |

As formas e o mercado

| Manuel Xestoso |

 

Segundo o dito, cada un conta a feira segundo lle vai nela, e por iso podemos deducir que, cando menos, hai tantas feiras coma asistentes. E mais deixando a un lado o relativismo, si que se pode afirmar con certa seguridade que hai unha feira que se ve menos que a dos espectáculos e dos escenarios pero cuxa influencia non é desprezable: a das conversas e conciliábulos que se forman nos tempos mortos, nas comidas, nos cafés. Os parrafeos que van creando opinión a forza de repetirse.

Este ano, a presenza de espectáculos formalmente innovadores gañou presenza na grella da programación e o radar destes coloquios máis ou menos espontáneos detectou un tema sobre o que debater entre función e función. De entrada, os programadores tenden a asustarse ante obras que rompen o horizonte de expectativas da audiencia, temendo un fracaso de público nas súas salas. As compañías que exercen de innovadoras, pola contra, propenden a acusar a estes programadores de non asumir riscos e de negarlle ao público a posibilidade de ampliar os seus límites e posibilidades. A ningún deles lles faltan razóns.

Para afondar na discusión, sería bo ter en conta que Galicia Escena PRO é un mercado cuxa principal función é abastecer de espectáculos a Rede Galega de Teatros e Auditorios e que a realidade da maioría das salas que pertencen a esta rede ten pouco a ver cos parámetros sociolóxicos dos que parten os creadores máis experimentais. A casuística é moi ampla, pero responsabilizar en exclusiva aos concellos da falta de apoio á nova creación semella algo esaxerado, sobre todo porque, en moitas ocasións, son o único baluarte de defensa das artes escénicas no campo de batalla do día a día.


Publicidade

Onte exhibíronse varios espectáculos que, en distinta medida, desafían as expectativas do público máis preguiceiro ou menos avezado. Salvador, de Borja Fernández, O rei morre, a adaptación de Ionesco que Ana Vallés dirixiu para Sarabela, e Procedimientos ante el vacío de Ensalle son obras que precisan dun impulso adicional para chegar a eses públicos de hábitos máis conservadores. A pregunta que se fan algúns é se son os concellos pequenos –e daquela cun financiamento restrinxido– os que deben aceptar unilateralmente o compromiso de crear audiencias para propostas deste tipo, especialmente nos casos en que xa teñen dificultades para defender proxectos moito máis ortodoxos.

Con certeza, se ese tipo de espectáculos estivese ausente da feira tamén habería malestar. E, dende logo, tamén estaría fundado. Quizais a clave da cuestión estea en que insistimos en simular que vivimos nun sistema normalizado cando a realidade nos sinala teimudamente que non, que a normalidade non é en absoluto unha característica do sistema cultural galego. Mesmo deberiamos empezar a preguntarnos se o mercado debe ser o baremo que dea a medida da normalidade dun sistema cultural.

Pero todas as preguntas seguirán sen ter respostas mentres o debate permaneza nos cafés e non logremos elevalo a instancias superiores. Entrementres, teremos que conformarnos coa resposta do filósofo aquel: Es el mercado, amigo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ElisaeMarcelaGEP |

Teatro, danza e a colaboración con MADFERIA hoxe en Galicia Escena Pro

leituga2 |

Catro espectáculos e un ‘pitching’ de 10 proxectos pechan Galicia Escena PRO