in

Deputación e Concello da Coruña asinan o convenio para a xestión do Teatro Colón

ColonZ5 |
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron onte o convenio de colaboración para a xestión do Teatro Colón. O Concello, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) xestionará durante dous anos -prorrogábeis dous máis- do espazo cultural da Deputación da Coruña que se reserva trinta días de programación.

 

O Concello da Coruña, a través do IMCE, xestionará a programación do Teatro Colón a partir do vindeiro 2 de xullo segundo consta no convenio de colaboración asinado na Deputación da Coruña pola vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro nun acto en que tamén participou o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande.

Segundo o convenio, a Deputación da Coruña participará na Comisión de Seguimento do Teatro Colón e resérvase o uso de 30 días de programación que destinará, principalmente, a producións propias e cesión a entidades e concellos.

“A xestión dun teatro como o Colón ten que ser municipal polo que non era lóxico que unha Deputación se encargase da súa planificación. Con este convenio cumprimos un compromiso electoral e un dos obxectivos do goberno e contribuímos a que exista maior coordinación entre os distintos centros culturais da cidade”, apuntou Goretti Sanmartín na súa intervención.

Nesta mesma liña, a vicepresidenta da Deputación sinalou os termos en que se define o acordo que inclúe dous anos de cesión, prorrogábeis dous máis, e a creación dunha comisión de seguimento con representantes de ambas as institucións.


Publicidade

Na súa intervención no acto de sinatura do convenio, Goretti Sanmartín aproveitou para facer un primeiro balance da xestión por parte da Deputación da Coruña desde o pasado mes de xuño en que se desenvolveron 229 eventos aos que asistiron máis de 82.000 persoas “unha media que superou a dos anos anteriores e que estivo centrada en apoiar a produción galega nas artes escénicas e música, que recuperou o audiovisual para a sala e contribuíu ao apoio ás entidades sen ánimo de lucro, ao tecido asociativo ademais de impulsar as producións propias como as galas do 8 de marzo, Rosalía de Castro ou a homenaxe a Paco Souto ademais das xornadas realizadas baixo o lema “A Cultura é un dereito”.

Polo súa parte, Xulio Ferreiro agradeceu a “colaboración da Deputación da Coruña que vai permitir integrar o Teatro Colón e coordinar as programacións cos outros recintos de maneira complementaria e cunha programación conxunta. Adiantou que o Concello da Coruña apostará pola “excelencia cultural, a vangarda e tamén por dar oportunidade á diversidade cultural, á formación e á programación infantil e familiar que será importante ademais de novas disciplinas artísticas como a maxia”.

Anunciou que no verán haberá residencias artísticas no Teatro Colón ademais de actividades do Noroeste. Pola súa parte, o Concelleiro de Culturas, José Manuel Sande apuntou que a cesión servirá para “equilibrar a programación da cidade”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

leituga2 |

Catro espectáculos e un ‘pitching’ de 10 proxectos pechan Galicia Escena PRO

MetodoNegroGEP@SaraRoca |

Notas dende Galicia Escena Pro 2018: día 3