in ,

O grupo da ONCE, Muxicas, estrea ‘O inspector’ en Barbadás

Inspector |

O grupo de teatro Muxicas, composto por actrices e actores invidentes e pertencente á ONCE estrea este venres 22, ás 20:00, na Casa de Cultura de Barbadás o seu novo espectáculo, O inspector, de Nikolai Gogol, con dirección de Tito Asorey.

O grupo de teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores invidentes ou cun problema visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con estas características poidan achegarse con profesionalidade, rigor e compromiso artístico a un mundo, paradóxicamente tan visual, como é o da Arte Dramática.

Dende o ano 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey, recoñecido profesional do teatro ourensán, actor e director de escena, co que levan postos en escena nove espectáculos que puideron ser vistos en escenarios de todo o país, entre eles o célebre Teatro Arriaga de Donosti. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max á mellor labor en prol do teatro afeccionado.

O obxectivo desta agrupación artística é dupla: por un lado, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, eliminando os prexuizos e os falsos mitos con respecto ao mundo da cegueira, e por outro, perseguir claramente un obxectivo artístico, traballando arreo para ofrecer espectáculos que poidan ser disfrutados por todo tipo de público, tanto vidente como invidente.

 

O inspector

A unha localidade gobernada por uns políticos corruptos ata a medula chega a nova de que na cidade apareceu un inspector do goberno para realizar unha auditoría sobre as contas públicas e elaborar un estudio sobre a limpeza das prácticas políticas dos seus dirixentes. Ante esta situación, os gobernantes entran en pánico, procedendo á destrucción de todas as probas que os poidan comprometer. Comezará así unha espiral descendente de sumisión cara ese inspector, ofrecéndolle todo tipo de agasallos e subornos, chegando a límites insospeitados de tolemia e indignidade.

O Inspector é unha comedia de ritmo frenético, onde dez actores, na súa maioría invidentes ou con problemas visuais graves dan vida nas táboas ao clásico texto de Nikolai Gogol, versionado e dirixido para esta ocasión por Tito Asorey.


Publicidade

 

O equipo

O Inspector está interpretado polo elenco de Teatro Muxicas, que se rodearon dun equipo de profesionais cunha ampla traxectoria no teatro profesional galego: a escenografía está deseñada e realizada por José Faro “Coti”, que ven de gañar este ano o Premio María Casares á mellor Escenografía por Resaca de ilMaquinario Teatro. O vestiario está deseñado pola artista ourensá Sandra Varela (último Premio do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense) e Carlos Alonso (premiado en sete ocasións co Premio María Casares). O deseño gráfico é obra de José Lameiras; a axudantía de dirección está realizada por Melania Cruz (Premio Mestre Mateo á mellor actriz protagonista, Premio María Casares á Mellor Actriz Protagonista), e a versión, iluminación e dirección recae en Tito Asorey (premiado con cinco premios María Casares, actor en Serramoura e Fariña). Todo este equipo traballou conxuntamente para crear un espectáculo dinámico, comprometido e que de seguro fará as delicias do público asistente.

 

Xira

Trala estrea en Barbadás, o espectáculo xirará durante todo este ano 2018 e o 2019 por todo tipo de teatros e auditorios do noso país. A seguinte praza a visitar será a Casa da Cultura de Monforte de Lemos, onde actuarán o vindeiro día 28 de Xuño. Máis prazas confirmadas son Ourense, Salvaterra, Muros e o Barco de Valdeorras.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

auditorium |

José Luís Baños gaña o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle

escaramuzas2 |

A AAAG organiza un debate sobre os clásicos no teatro galego actual