in

A AAAG organiza un debate sobre os clásicos no teatro galego actual

escaramuzas2 |

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra o vindeiro mércores 27 de xuño a segunda sesión das súas Escaramuzas artísticas, unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan aos/ás profesionais destas disciplinas. As Escaramuzas artísticas, ademais, buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo. Estes encontros están destinados tanto aos/ás profesionais do sector coma ao público xeral.

Esta segunda sesión do ciclo Escaramuzas Artísticas da AAAG terá lugar na cafetería do Auditorio o vindeiro mércores 27 de xuño ás 20.00 horas e estará centrada na escena. Baixo o título Revolución ou herexía? Os clásicos no teatro galego actual, a Escaramuza abordará os proxectos escénicos e as novas achegas que se están a realizar na actualidade sobre textos de autores clásicos, así como tamén as controversias artísticas que poden envolver as reinvencións de dramaturgos canónicos. Deste xeito, a sesión contará coa participación de Quico Cadaval, director escénico que dirixiu e adaptou con Producións Excéntricas o primeiro Valle-Inclán en galego, A cabeza do dragón; e Santiago Cortegoso, que escribe e dirixe a última obra de Ibuprofeno Teatro, Casa O’Rei, na que o autor propón un xogo escénico ao trasladar a esencia d’O Rei Lear shakespiriano a unha tradicional casa de xantares galega. A Escaramuza complétase con Vanesa Sotelo, directora da erregueté | Revista Galega de Teatro, quen achegará o punto de vista da crítica. O encontro estará moderado por Camilo Franco.


Publicidade

As Escaramuzas Artísticas pararán durante os meses de verán e regresarán no mes de setembro, para celebrar as súas seguintes sesións de forma periódica, tomando como referencia o derradeiro mércores de cada mes. Esta iniciativa de debate está organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Inspector |

O grupo da ONCE, Muxicas, estrea ‘O inspector’ en Barbadás

Queizan2 |

Vigo acolle a presentación do libro ‘Lembranzas da arte escénica’ de Maximino Queizán