in

Vigo acolle a presentación do libro ‘Lembranzas da arte escénica’ de Maximino Queizán

Queizan2 |

A Casa da Cultura Galega en Vigo acolleu onte a presentación do libro Lembranzas da arte escénica, de Maximino Fernández Queizán. O volume, que vén de ser editado pola Deputación de Pontevedra, recolle as reflexións e a experiencia ao longo dos cincuenta anos da carreira teatral do creador vigués e complétase cun tratado de dirección e unha breve historia do teatro na cidade olívica.

O Deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal foi o encargado de abrir o acto que contou coa presenza do autor, acompañado do profesor Manuel Forcadela e os edís Cayetano Rodríguez e Santos Héctor. O profesor Manuel Forcadela foi o encargado de introducir ao numeroso público asistente nas diferentes etapas da traxectoria de Maximino Queizán incluídas no libro, ao tempo que sinalou a importancia da súa figura para a historia da cultura local e do teatro, en particular.

 

Queizan1 |

 

O libro está estruturado en tres partes baixo os títulos: “Testemuño”, “Proceso dunha posta en escena” e “Breve historia do teatro en Vigo”. A modo de concentradas memorias do autor, “Testemuño” percorre as diferentes épocas e proxectos da súa traxectoria. Así, a obra permite aproximarse a unha primeira etapa de formación e do teatro universitario así como ao nacemento do Teatro Keyzán.


Publicidade

De igual xeito, este primeiro apartado do libro repasa múltiples proxectos realizados como as ceas medievais realizadas en Baiona a finais da década dos 60, a etapa do café teatro en espazos como a discoteca Sanday ou o café Goya ou proxectos o de intentar representar a Valle-Inclán en galego. “Testemuño” ofrece tamén a posibilidade de revisitar ou descubrir montaxes como A porta do paraíso, de Miguel Cobaleda; A raposa e as uvas, de Guilherme Figueiredo; ¡Silencio, pollos pelones, ya les van a a echar su maíz!, do mexicano Emilio Carballido; Polinice, de Maximino F. Queizán; Despois de Magritte, de Tom Stoppard ou Así é (se vos parece), de Pirandello en versión de Xavier Rodríguez Baixeras que Maximino Queizán dirixiu para o Centro Dramático Galego en 1991.

Mais tamén se poden atopar no libro as influencias na súa relación con outros creadores. Foi o caso do seu traballo como asistente de dirección no Teatro Lyric en Londres, onde puido traballar coa actriz Déborah Kerr ou a propia relación con Eudardo Blanco Amor de quen levou a escena as pezas Romance de Micomicón e Adhelala e Amor e crimes de Juan Pantera no espectáculo Farsas e cuxa calidade dramática e literaria o Queizán se encargou de louvar durante o acto.

O segundo apartado de Lembranzas da arte escénica presenta un tratado sobre o traballo escénico no que Maximino Queizán pon de relevo a importancia da técnica teatral e da dirección escénica mais tamén a vontade pedagóxica. “Proceso dunha posta en escena” é unha mirada sobre o significado de dirixir unha obra de teatro que, tal e como compartiu na presentación “é realizar un feito poético. Nunha posta en escena participan varios artistas proporcionando os seus traballos, que o director debe integrar nun todo con absoluta coherencia”.

A terceira parte do libro ofrece unha viaxe concentrada polo tempo e os espazos da historia do teatro en Vigo: desde a actuación da actriz María Guerrero en 1894 a desaparecidos proxectos como o Teatro ao Aire Libre do Parque Quiñones de León. Lembranzas da arte escénica achega así unha experiencia que procura contribuír a rescatar esquecementos e cubrir lagoas na historia do teatro en Vigo desde a perspectiva dun creador que, tal e como coincidiron os distintos ponentes, “entregou a súa vida a dous aspectos fundamentais: o coñecemento e a arte”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

escaramuzas2 |

A AAAG organiza un debate sobre os clásicos no teatro galego actual

ExpoEscenogMIT |

Exposición “Tránsito pola escenografía española contemporánea” en Ribadavia