Xarope Tulú desembarca esta tarde no Auditorio de Cangas ás 21.00 horas coa estrea de Nómades dentro da 35 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Dirixida por Gena Baamonde e cun elenco formado por Atenea García, Diego Martínez e María Roja, Nómades explora a diversidade e cuestiona o binarismo do ser home ou muller como únicos xéneros habitables. Formada pola actriz Atenea García e o músico Nicolás Zamorano, esta compañía fundada en 2015 e que aposta por unha linguaxe contemporánea destinada ao público infantil e adolescente.
| Vanesa M Sotelo |
| Foto: Laure Iturralde |
Antes de comezar, cal é o significado do nome “Xarope Tulú”?
A miña avoa (Atenea García) contounos nunha ocasión que cando era cativa tiñan na casa un bote de xarope Tolou, aquel frasco viña de Francia e polo tanto tiña certo prestixio. Eran os tempos da fame, e cada vez que ela ou algunha dos seus irmáns tiñan dor de cabeza, de barriga ou simplemente fame, a miña bisavoa sacaba o xarope do armario e dáballes unha boa cullerada, o que provocaba que instantaneamente lle pasaran todos os males. A avoa medrou e descubriu que aquel xarope milagreiro non era máis que auga con azucre. Cando andabamos na procura do nome da compañía aquela historia volveunos á cabeza e pareceunos unha linda metáfora.
Xarope Tulú é unha compañía que nace en 2015 comprometida coas linguaxes escénicas para a infancia e a xuventude, cales son as súas liñas de traballo?
Xarope Tulú conformámolo, ate o de agora, Atenea García e Nicolás Zamorano, unha actriz e un músico con inquedanzas plásticas e moito enxeño. Polo que as nosas propostas parten en moitas ocasións da música e a literatura infantil, como é o caso do espectáculo de pequeno formato A miña primeira viaxe, a nosa ópera prima, adaptación dun texto de Paloma Sánchez Ibarzábal cun profundo carácter visual. Noutras ocasións, partimos do conto infantil máis contemporáneo como é o caso de Estrafalaria, unha contada que mestura os monicreques coa narración oral. Nesta ocasión interesábanos partir dunha creación propia. E aquí entra o labor de Gena Baamonde, directora e creadora escénica con ampla experiencia na temática da peza, quen logo de presentarlle a proposta nos animou a partir do xogo escénico e a non terlle medo á creación: o punto de partida nesta ocasión serían os nosos corpos en movemento. Era preciso contar con creadoras como María Roja ou Diego Buceta cun amplo percorrido neste tipo de propostas e coa iluminadora Laura Iturralde que contribuíu substancialmente no proceso, xa que algunhas das propostas escénicas partiron propiamente da luz.
Como concibe o proceso creativo Xarope Tulú?
Nómades, convertíase para nós nun reto, nunha aposta da compañía por ampliar horizontes, xa que ata o momento todo pasaba polos membros da compañía, a creación, a música, a interpretación… todo. Nesta ocasión, sen embargo, contamos cun gran equipo que conta cun amplo percorrido tanto en linguaxes escénicas non narrativas como con certa sensibilidade co que ten que ver coa cuestión da identidade. Desde a creación da compañía tiñamos claro que o traballo escénico debía ser igualitario, e de carácter feminista pero neste espectáculo estas cuestións debían ter un peso fundamental. Debíamos seguir apostando por un traballo horizontal onde o foco de atención estivera posto nunha escoita activa entre todas as persoas que desenvolven o traballo creativo dirixido por Gena Baamonde quen se encargou de ir dándolle forma á dramaturxia.
Na sinopse de “Nómades” afírmase: “transitamos sen morada nin corpo fixo” dentro dunha proposta que se centra na cuestión da diversidade. Cales son os puntos de partida deste espectáculo que o martes se estrea en Cangas?
Este proxecto arrinca logo de facernos moitas preguntas sobre o carácter determinante do xénero. Ó investigar sobre esta temática descubrimos que a diversidade existente é moito máis ampla do que os discursos habituais acostuman a reflectir. Buscamos lanzar alternativas de exploración, pasear polos vieiros, habitar os pasos fronteirizos e deixar abertos outros camiños no xogo do xénero. Un dos puntos de partida da proposta é xustamente cuestionar o binarismo, ou o que se supón que significa ser un home ou ser unha muller, como únicos xéneros habitables. Pero que acontece con todos os outros xéneros existentes?. Nesta peza tentamos definir eses moldes, para logo cuestionalos… Que é máis interesante; construír novos moldes ou definitivamente rachar con eles? Estás son algunhas das cuestións sobre as que tentamos reflexionar no espectáculo.
En moitas ocasións apúntase que existe unha ampla oferta propostas para público infantil e un baleiro no mundo do teatro para adolescentes, ten Xarope Tulú un traballo específico para encher este oco?
No ano 2017 xiramos por Galicia cunha proposta de narración oral e música en directo que leva por título O Cardume, co que tivemos a oportunidade de formar parte da campaña “Cooperativismo no ensino” e que tivo moi bos resultados entre o público adolescente. Certamente consideramos que existe un baleiro no teatro dirixido ó público adolescente, algo sobre o que reflexionamos en moitas ocasións. Aló polo 2016 cando Nómades era só unha idea nas nosas cabezas, pensamos dirixila ó público adolescente; pero logo os camiños da creación e a necesidade de falar da identidade de xénero en idades temperáns foron encadrando o espectáculo cara ao público familiar. De todos os xeitos, existe unha certa teima, desde o noso punto de vista claro, por separar ó público por idades constantemente, cando en realidade se un espectáculo está construído con certa complexidade debería chegar a todos os públicos non? Ou iso nós gustaría pensar, oxalá Nómades chegue a todas as idades…
Que supón para unha compañía de recente creación presentar o traballo na XXXV Mostra de Cangas?
Que supón participar na Mostra… pois ante todo unha honra que confíen no noso traballo, ademais das bolboretas no estómago cando sabes que vas compartir programa con compañías consolidadas como Matarile e a visibilidade que supón formar parte dunha mostra que vai xa pola XXXV edición.